A xeración perdida irrompeu no Parlamento

O portavoz do BNG Francisco Jorquera amosou a fotografía da equipa Déixennos vivir! Das dez persoas fotografadas só 4 sobreviviron á droga. "Mentres eles morrían, vostede víase co seu executor", espetoulle Jorquera a Feijóo.

A xeración perdida de Vilanova de Arousa ocupou unha parte importante do debate parlamentar arredor da relación de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante arousán Marcial Dorado. O portavoz do BNG, Francisco Jorquera amosou na súa intervención a fotografía dos dez mozos de Vilanova que protagonizaron o documental Marea Branca. Unha historia do narcotráfico en Galiza e das consecuencias sociais desta actividade. O deputado nacionalista quixo amosar coa imaxe da equipa de fútbol Déixennos vivir! "a outra foto". 

Báscuas (CxG): “Menos mal que existen as hemerotecas para demostrar que na década dos 90 Dorado xa era coñecido por actividades delitivas máis aló do contrabando"

A imaxe foi tomada en 1982 "13 anos antes da súa famosa foto no iate", lembroulle o nacionalista a Alberto Núñez Feijóo. Unha imaxe que dá testemuño "á dicotomía entre narcotraficantes e drogodependentes, entre asasinos e asasinados", sentenciou Jorquera. Coa presenza de representantes das asociacións de nais contra a droga, os grupos da oposición quixeron pór voz a esoutra realidade da que o presidente da Xunta de Galiza rexeitou falar e que mesmo tildou de "infamia" cando o BNG levou ao Parlamento. 

Carmen Durán foi presidenta da asociación Esperta Cambados. A carraxe após a comparecencia do líder do executivo era palpábel. "Sinto vergoña", aseguraba ás portas da Cámara en declaracións aos medios de comunicación. Xunto a ela, outras moitas persoas que puñan faciana e voz ás consecuencias sociais do tráfico e consumo de substancias estupefacentes comercializadas en moitos casos por Marcial Dorado. 

Mentres as persoas da foto, sinalou o parlamentar nacionalista, "ían caendo un a un, vostede acudía a visitar, moi pertiño de alí, ao seu executor"; ao "seu amigo Marcial, o da Illa". O líder d@s populares negou máis unha vez no Pleno ter coñecemento das actividades ás que se dedicaba o narco cando ambos os dous mantiñan unha estreita amizade. "Pregúntelles a eles", inquiría Francisco Jorquera, "se coñecían a Marcial Dorado". Coma o nacionalista, Carme Durán preguntábase após escoitar as declaracións do presidente da Xunta "se existe ou non responsabilidade moral e política" non polas fotografías, senón pola amizade dun alto cargo da administración galega cun "capo do narcotráfico" cando toda unha vila loitaba contra a drogodependencia e o tráfico de drogas en Galiza. "Non nos representan", sentenciou. 

Comentarios