A independentista Charo Lópes, condenada a un ano e nove meses de prisión polas protestas contra Massó

Un acordo entre acusación e defensa rebaixou a pena inicial de cinco anos e un mes, polo que a moza non ingresará no cárcere. Evitouse tamén o seu xulgamento. Terá que afrontar unha sanción económica e unha multa derivada da responsabilidade civil. En total, case 4.000 euros

photo_camera Concentración de Ceivar ás portas do xulgado [SG]


Un ano e seis meses de cárcere. Foi a pena que aceptou a independentista Charo Lópes, para quen a fiscalía pedía cinco anos e un mes de prisión polos incidentes rexistrados durante unha multitudinaria protesta no Morrazo contra o porto deportivo de Massó en 2009. Acusouna de tres delitos: desordes públicas, danos mediante incendio e danos. Un acordo entre as partes, acusación e defensa, evitou o xulgamento datado para esta segunda feira. Ao non ter antecedentes, Lópes non ingresará en prisión. 

Con todo, terá que afrontar tamén unha pena pecuniaria de 900 euros, a razón de 5 euros cada día durante seis meses. A esta cantidade cómpre sumarlle aqueloutras derivadas da responsabilidade civil, que a fiscalía non retirou. A moza terá que indemnizar o Concello de Cangas con 320 euros e ao banco Santander con 2.678,70 euros, ao considerar a acusación que cómpre compensar os desperfectos causados nunha sucursal de Cangas. 

Multitudinarias protestas contra a "marbellización" da costa galega

Naquela altura foron moitos os colectivos que, convocados polas confradías de pescador@s, fixeron fronte ao plan de construción do porto deportivo de Massó que incluía unha zona residencial e comercial e que contribuiría a "marbellizar" a costa.

A presión social fixo recuar o proxecto, que finalmente non se levará a cabo. Na protesta do primeiro de agosto de 2009, cando prenderon Charo Lópes, máis de 5.000 persoas exixiron nas rúas a paralización das obras. En total, foron por volta de trinta @s veciñ@s enxuizadas e condenadas por paralizaren as obras de construción do porto deportivo.

Solidariedade: 'Mulheres galegas em defesa da nossa terra'

Ás portas do edificio xudicial da Parda, en Pontevedra, despregouse un forte dispositivo policial de antidisturbios desde primeira hora da mañá. O colectivo antirrepresivo Ceivar convocara para as 11h, a mesma hora á que estaba fixado o xuízo, unha concentración en solidariedade.

'Defender a terra nom é delito', 'Se tocam a umha tocam-nos a todas' e 'Mulheres galegas em defesa da nossa terra. Charo somos todas' foron as faixas que certificaron o apoio á independentista.

Comentarios