A Audiencia española deixa libre tamén o independentista Héctor Naia, baixo fianza de 6 mil euros

O xuíz Eloy Velasco vén de ditar auto de procesamento sobre a situación dos detidos Xurxo Oliveira, Diego Santín e Héctor Naia. Prorroga a prisión preventiva para os dous primeiros ao considerar que existe risco de fuga, mais deixa en liberdade baixo fianza o terceiro deles. Nas últimas horas quedou libre tamén Júlio Saiáns, veciño de Ferrol arrestado en outubro nun operativo policial contra o independentismo galego
photo_camera Cadea humana pola liberdade d@s pres@s independentistas [GalizaContrainfo]


O xuíz da Audiencia nacional española, Eloy Velasco, viría de ditar o auto de procesamento en que decide sobre a situación procesual dos cidadáns galegos Xurxo Rodríguez Oliveira, Diego Santín Montero e Héctor J. Naia Gil, aliás 'Koala', detidos en Vigo a mediados de setembro no marco dunha operación policial contra o independentismo.

O auto chega após unha fase de instrución xa pechada en que a defensa considera que non existen probas suficientes para lles prolongar a situación de prisión preventiva "nin ningún indicio de que tivesen un papel relevante en estrutura ningunha", segundo explica o avogado Borxa Colmenero, que se ocupa da defensa dos tres independentistas. Confima o letrado que "nas últimas semanas" desenvolveron varias accións legais en prol da posta en liberdade dos últimos detidos, derivando de tales accións a saída de Júlio S. do centro penitenciario de Soto del Real após afrontar unha fianza de 6 mil euros.

Na súa resolución, Eloy Velasco prolonga a situación de privación de liberdade para Xurxo R.O. e Diego S.M., imputados primeiro e procesados agora en relación cos feitos acontecidos o 4 de agosto no monte Sampaio, en Vigo, onde estouraron tres artefactos explosivos que causaron desperfectos nunha antena dunha emisora de radio española. Polos mesmos feitos tamén fican procesadas outras dúas persoas, A.R.O e N.G.P, a quen Velasco atribúe un delito de encubrimento mais que non ingresaron no cárcere nin foron dispersad@s.

Porén, decreta para Héctor N., alías 'Koala', a mesma situación que para Júlio S.: liberdade baixo fianza de 6 mil euros. Di Colmenero que resulta "curioso" que se decrete a liberdade para este detido e se considere que sobre os outros tres existe "un risco fundado de substracción á acción da xustiza", isto é, risco de fuga. "O arraigamento social é un dos condicionantes polos que se entende que non existe risco de fuga, e Héctor é o único que non ten familia", subliña o letrado.

Explica Colmenero que das detencións practicadas en Vigo pola policía española a mediados de setembro derivaron dous procedementos. Do primeiro ocúpase o xulgado de Instrución nº6 co xuíz Eloy Velasco á fronte, relacionado co acontecido no monte Sampaio e no cal foron imputados estes tres mozos.

Do segundo ocúpase o xulgado de Instrución nº5 --sempre da Audiencia nacional española-- co xuíz Pablo Ruz á fronte, en que tamén está imputado Xurxo R.O xunto con Carlos Calvo por un delito acontecido o día mesmo da detención e relacionado co transporte de material explosivo. Noutro procedemento contra o independentismo galego ficaría imputado Júlio S., relacionado cun delito de financiamento vinculado a un operativo policial despregado en decembro de 2011 en Lugo e Compostela, e que tamén instrúe o xuíz Velasco.

Comentarios