“Quitas non, devolución!”, berran milleiros en Ourense

A dous días de que remate o prazo estipulado para se acoller á arbitraxe, milleiros de persoas reclamaron en Ourense a devolución íntegra dos aforros e rexeitaron as quitas impostas. Os cargos do PP estaban na diana das acusacións. O 22 "ocuparán" a Praza do Obradoiro durante todo o día. 

Manifestación Ourense (Zapa Da Costa)
photo_camera Manifestación Ourense (Zapa Da Costa)

Atronadora foi, como o están a ser todas, a mobilización que congregou en Ourense a milleiros de persoas afectadas por preferentes e subordinadas,  con presenza de todas as plataformas do país. Atronadora porque as preferentistas decidiron meter ruído, que se oia ben o seu berro por medio tamén de chifros e demais instrumentos para que ninguén dea a calada por resposta ás súas reclamacións. En Ourense, as acusacións a membros do PP que ocupan cargos públicos nos diferentes gobernos quedou aínda máis á vista, a poucos días de que se coñecese a quita definitiva que ese lle obriga a asumir ás persoas afectadas pola estafa. “Estafados polas preferentes, expropiados polo goberno” é un dos lemas que se recollía nunha das moitas faixas da mobilización e que daban paso a outras nas que xa o partido de Mariano Rajoy e Feijóo era claramente o acusado. “O PP quítanos os aforros, quitarémoslle os noso votos”, “O PP rouba ao pobo e recata á banca, os galegos non imos consentilo” eran outras das denuncias recollidas en pancartas das manifestación central desenvolvida en Ourense, a primeira despois de se coñecer a quita de case o 57% que o FROB establece para afectados de NGB, cun desconto do 13,8% por riba do 43% da quita xa fixada polo goberno. 

Varios manifestantes portaban “piruletas” coas fotografías e os nomes dos deputados e deputadas do PP no congreso nas que se podía ler “votou no congreso a favor de roubarnos os aforros a miles de galegos e galegas. Non imos consentilo”

“Queremos os nosos aforros, non a quita” era o berro unánime dos milleiros de persoas que se manifestaron en Ourense e que chegaron a pechar unha sucursal de NGB que ficou empapelada con carteis que dicían “os ladróns están dentro”. 

A próxima, Compostela 

“Isto só é o principio. Temos que facernos ver porque só así nos ofrecerán unha solución, a única posible, a devolución íntegra dos nosos aforros”, dicían desde a plataforma de Ourense, anfitrioa desta manifestación á que asistiron plataformas de todo o país. 

A próxima cita será o día 22 na Praza do Obradoiro. Concentraranse entón vítimas da estafa das preferentes de toda Galiza durante todo o día, posibelmente de 11 da mañá a entrada a noite para denunciar desde o corazón do país a maior estafa económica que se lembra. 

Comentarios