"Ocas e irracionais". Así califica o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza as xustificacións esgrimidas pola Consellería de Traballo para denegar as axudas solicitadas pola Forga para realizar cursos de formación en varias localidades galegas. A sentenza do TSXG considera que a Xunta discriminou sen motivo a fundación impulsada pola CIG no reparto de subvencións para formación profesional en 2009. E obrigaa a aceptar a solicitude de axuda presentada entón. A central nacionalista pide á Consellería de Traballo que depure "responsabilidades políticas".
A Forga solicitara estas achegas económicas para organizar cursiños de formación en varias localidades galegas durante 2010. A Consellería denegoullas limitándose a sinalar que dita petición non se axustaba á convocatoria, sen máis detalle. O TSXG considera no seu fallo que os argumentos para rexeitar a solicitude foron “ocos e irracionais”. O Tribunal lembra que a concesión deste tipo de subvencións está regulada por normativa legal, polo cal a administración non pode concedelas ou denegalas de forma discrecional e sen xustificación xurídica.
De feito, a resolución sinala que outras centrais sindicais si que resultaron beneficiadas destas axudas, das que se excluiu ao sindicato nacionalista.