"Hai que ir á Folga para frear a vampirización do pobo por unha minoría depredadora"

O voceiro nacional do BNG e o secretario xeral da CIG mantiveron unha xuntanza para falar da convocatoria de Folga Xeral do 14N, unha xornada de loita "máis xustificada que nunca" polo que ambas as organizacións fan un chamamento á cidadanía galega para que a secunde masivamente
Suso Seixo e Guillerme Vázquez
photo_camera Suso Seixo e Guillerme Vázquez

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mantiveron esta sexta unha xuntanza para falar da convocatoria xeral do 14N, unha xornada que ambos os dous coinciden en sinalar que está "máis xustificada que nunca" e fan un chamamento á que a cidadanía galega secunde a folga de forma masiva.

 Vázquez reiterou que o BNG apoia a convocatoria de folga, "hai motivos de abondo para ir", e insistiu en que "ou freamos o saqueo ou o futuro para o noso pobo vai ser moi negro". Para o voceiro da fronte nacionalista, a xornada de paro é un paso de cara a "frear a vampirización do pobo por unha minoría depredadora", e relatou as consecuencias das medidas e recortes adoptadas polos gobernos do PP para Galiza, resumíndoas en tres palabras: "Paro, emigración e precariedade".

 De resignarse, nada

Guillerme Vázquez sinalou que perante este escenario só caben dúas posibilidades, a resignación ou ben "sae da resignación, poñerse en pé e loitar". O voceiro do BNG afirmou que "podo entender" que unha parte da sociedade esté "aterrada" e "aplastada" perante a situación actual, mais recalcou que "pola vía da resignación non hai saída".

 No BNG, apuntou, teñen claro que a cidadanía ten que dar un paso para facer fronte á Troika e aos gobernos do PP.

"Banca asasina"

Como exemplo do que está a acontecer, Guillerme Vázquez puxo a "banca asasina, sen alma, que fai o que lle peta porque quen ten a obriga de metela en cintura non o fai". Vázquez, neste punto, lembrou que nesta sexta suicidouse unha persoa en Barakaldo por ser desafiuzada e calificou o feito de "asasinato". Para o voceiro nacionalista, hai que apostar por un "cambio de rumbo", cambio que debe pivotar sobre a sobernaía.

Seixo: "En 2013 imos sofrer unha precarización xeralizada"

Pola súa banda o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, enmarcou a convocatoria do 14N nun contexto de altas taxas de desemprego, novos rescates "á banca, que non aos estados" e un recorte de dereitos laborais e sociais.

Seixo indicou que a xornada do paro tamén se fai con vistas a 2013, "un ano en que imos sofrer unha precarización xeralizada, vai ser moi duro"; e lembrou que mesmo desde organismos da UE estase a pintar un panorama moito máis difícil do que prevé o goberno español.

Para o secretario xeral da CIG, hai "tres eixos" a ter en conta á hora de interpretar o que está a acontecer: Os recortes brutais en gasto público para garantir que os estados teñan cartos para pagar á banca; a precarización das condicións laborais da xente ("as reformas laborais procuran unha caída xeralizada e importante dos salarios"); e o recorte en liberdades públicas e dereitos sociais.

Moito en xogo

BNG e CIG entenden, xa que logo, que hai moito en xogo na Folga Xeral do 14N e que a cidadanía debe demostrar nesa xornada a súa oposición radical ás políticas de Bruxelas e gobernos do PP.

Manifestacións

Horarios e lugares de saída e remate das manifestacións

- Vigo: ás 11:30 horas, desde a Praza de España, até a Praza de América.

- Pontevedra: ás 12:30 h, desde a Praza da Ferrería, até a Subdelegación do Goberno.

- Vilagarcía: ás 12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella

- Ourense: ás 12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do Goberno.

- Compostela: ás 12:00 h, desde a Praza Roxa até a Praza de Praterías.

- Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María.

- A Coruña: ás 12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita.

- Ferrol: ás 12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas.

- Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre, até a Praza do Concello

- Riberia: ás 12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello.

- Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación.

Comentarios