Euskadi inicia a campaña con PNV e EH Bildu como favoritos

A campaña electoral botou a andar en Euskadi co debate sobre a soberanía riba da mesa. As enquisas apuntan PNV e Eh Bildu como as forzas máis votadas e cunha estreita marxe de diferenza entre ambas as dúas
Urukullu, Mintegui e López. Foto: Naiz
photo_camera Urukullu, Mintegui e López. Foto: Naiz

Euskadi vive a campaña electoral máis lonxe dos focos mediático-políticos de Madrid dos últimos 30 anos. O cese ao fogo de ETA anula boa parte da artillaría mediática contra o nacionalismo. E as previsións son que o 21-O  haxa unha ampla maioría abertzale (PNV e EH Bildu). A combinación de ambos os dous factores fai que desde Madrid se prefiran os comicios galegos. 

A campaña comezou e as primeiras enquisas xa se fixeron públicas por medios como Gara ou Naiz, sondaxes que veñen reiterar a tendencia dos traballos feitos nestes meses: PNV e EH Bildu como forzas favoritas (26 deputad@s para os jeltzales e 22 a esquerda abertzale), 14 o PSOE e 11 PP. Na enquisa de Gara e Naiz recóllese a novidade de que Esker Anitza, a marca de IU en Euskadi, podería atinxir 2 parlamentari@s.

Unha das características destas primeiras horas de campaña, xa constábel nas semanas previas, é que o soberanismo vai ser un dos alicerces do debate. PSOE e PP, aínda que con distintos graos de intensidade, falan dos perigos dese camiño. PNV xoga a combinar o seu papel de partido responsábel e a combinar as súas dúas vertentes, a abertzale e a de bo xestor da autonomía. E desde a esquerda abertzale insírese a aposta soberanista como ferramenta de loita contra a crise e camiño para facer unha outra política orientada en beneficio das maiorías sociais.

Pactos?

Non vai haber maiorías absolutas. De aí que xa estea a ferver o debate sobre pactos electorais. PNV non se pronuncia abertamente, PSOE fai chiscadelas ao PNV para retomar un goberno transversal (jeltzales e socialistas), o PP carga contra todos mais ao mesmo tempo ofrécese a calquera pacto que evite que EH Bildu chegue ao poder; e desde a esquerda abertzale apuntan a construcción nacional de Euskal Herria desde o respecto ao dereito a decidir, o combate da crise en favor da cidadanía e non dos mercados, e ao avance no proceso de paz como os tres alicerces sobre os que falar de posíbeis pactos

Comentarios