As eleccións en Euskadi serán o vindeiro 21 de outubro

O lehendakari, Patxi López, anunciou esta terza o adianto electoral do cal dixo: "foi unha decisión moi meditada".
photo_camera Patxi López, lehendakari. Imaxe: PSE

Nun Consello de goberno extraordinario, o executivo vasco aprobou o adianto electoral para o vindeiro 21 de outubro. Nas declaracións posteriores, o lehendakari, Patxi López, asegurou que a decisión fora tomada após se cumpriren os compromisos acadados e que era hora de "renovaren un novo contrato coa cidadanía". Segundo o presidente vasco, o adianto electoral foi anunciado tendo en conta os intereses da cidadanía vasca e, asegura, "ese momento xa chegou". 

Reaccións perante a decisión do lehendakari

A esquerda abertzale dixo que "xa era hora de pór fin a un Parlamento que se configurara froito dun pucheirazo electoral". Maribi Ugarteburu, fixo fincapé en que despois das eleccións se porá fin a un ciclo e ás ilegalizacións e a persecución política. Pola súa banda, Aralar, dixo do anuncio feito público por Patxi López esta terza que "era un imperativo", asemade, consideran que a cidadanía vasca elixirá un "novo goberno forte" que faga fronte aos recortes". Ao igual que a esquerda abertzale, Aralar considera que o actual executivo vasco non reflectía a realidade socio-política de Euskadi que asemade, estaba "sometido ao ditado de Madrid". 

O voceiro de Alternatiba, Oskar Matute, exixiu explicacións ao lehendakari por ter adiantado a convocatoria dos comicios, cando viña asegurando que non o faría. Segundo Matute, deberá explicar á cidadanía vasca os motivos que o levaron a mudar a opinión. Asi mesmo, considerou que a actitude do goberno vasco pretende "enmascarar a a súa responsabilidade nas políticas neoliberais e nos recortes sociais", polo que aseverou, "é hora de apostar por un modelo de esquerdas, como única saída á precariedade e aos recortes de dereitos sociais", ao que di, nos aboca o sistema capitalista". 

Pola banda de Eusko Alkartasuna, o parlamentar Juanjo Agirrezabala, dixo que o adianto electoral chega tarde, malia ser preciso. Segundo Agirrezabala, "fai tempo que non tiña sentido manter o actual goberno" e asegurou que as vindeiras eleccións nacionais vascas serán "moi importantes" pola comparecencia de EH Bildu. 

Para o PNV, o adianto electoral responde ao "fin" dun goberno "débil e desnortado". O seu presidente en Gipuzkoa criticou a incapacidade e falla de liderado que amosou o goberno de Patxi López perante a crise económica. O Partido Popular, falou a través do seu voceiro, Antonio Basagoiti que asegurou "era unha noticia agardada". 

Expectativas

As sondaxes e inquéritos do Euskobarómetro sobre as eleccións vascas sinalan que o PNV sería a forza máis votada, aínda que só cunha lixeira vantaxe en escanos por riba da esquerda abertzale, que se situaría na segunda posición. Os ‘jeltzales’ obterían o 30,7 por cento dos votos e entre 22 e 23 escanos dos 75 de que consta o Parlamento vasco. O PNV sería a forza máis votada en Bizkaia

Pola súa parte, o Euskobarómetro sinala que a esquerda abertzale obtería o 25% dos votos (entre 19 e 22 deputad@s). Dez escanos lograríaos en Gipuzkoa, territorio onde sería a forza máis votada. Esta sondaxe foi feita antes da presentación da nova marca.

O PSOE acadaría 16 escanos (18,3 por cento dos sufraxios) e o PP, 14 (15,4% dos votos). Os populares serían a principal forza en Araba. Izquierda Unida, co 3,1%, bailaría entre os 0 e os 3 escanos, entrementres UPyD perdería o deputado que ten (1,8 por cento dos votos).

Comentarios