Pachi Vázquez fai campaña entre @s pensionistas

O candidato socialista asegurou nun encontro con persoas idosas que o 21-O Galiza se xoga "un modelo de vida e de país".
Pachi Vázquez
photo_camera Pachi Vázquez, na xuntanza en Catoira

Nunha xuntanza desenvolvida en Catoira, en que tamén estiveron presentes Trinidad Jiménez, responsábel de Política Social do PSOE, e Francisco Caamaño, candidato provincial, o líder d@s socialistas galeg@a asegurou que as políticas desenvolvidas polo Partido Popular "están a castigar os nosos pensionistas" e comprometeuse a blindar os servizos sociais a través da supresión do gasto innecesario e da suba dos impostos "aos que máis teñen".

Vázquez, denunciou a fachenda de Feijóo ao "presumir" do aforro farmacéutico levado a cabo durante os últimos meses da lexislatura --após aprobar a supresión de múltiples produtos da listaxe de medicamentos financiados pola administración-- pois dixo, "os que pagan son os nosos maiores", O candidato socialista, comprometeuse a gravar con máis impostos a banca, as grandes fortunas e as grandes áreas comerciais en aras dunha maior recadación, malia ser o seu propio partido --daquela no goberno de Madrid-- o que suprimira o imposto de patrimonio.

Pachi: "As políticas do PP están a castigar os nosos pensionistas"

Así mesmo, denunciou que os Orzamentos xerais do estado --presentados a pasada semana polo goberno español-- "son un adianto do que vai facer Rajoy e Feijóo", asegurando que o aínda presidente da Xunta sabe que van retallar as pensións mais "non ten ningún problema en mentir e enganar", salientou Pachi.

Pachi di que se reunirá con afectad@s polas preferentes se chega á Xunta

Aliás, á xuntanza asistiron un grupo de persoas afectadas pola fraude das preferentes ás que se dirixiu o candidato á presidencia da Xunta para se comprometer a "resolver" a estafa xerada pola venda destes produtos financeiros, "sen deixar fóra os 43.000 aforradores galegos que foron estafados", aseverou mentres prometía ter a primeira xuntanza con eles cando "asuma a responsabilidade de gobernar este país".

Vázquez, pasou por alto que a súa formación apoiou desde Madrid a reforma normativa pola que se autorizaba a venda deste tipo de produtos financeiros ás persoas aforradoras --para alén d@s investidoras/es-- no ano 2003 sendo aínda presidente, José María Aznar.

Comentarios