O rural madruga máis

O movemento de xente endomingada nas rúas de Asperelo non é moi habitual ás 8 da mañá. O nerviosismo mesturábase co frío que baixa do Monte Faro, e é que o seu colexio electoral, situado nun galpón, é o máis alto da comarca do Deza. É un deses colexios no que non se gastan moitas papeletas, pois todos a traen da casa. Tardou en abrir, pois ninguén viña coa chave, pero máis tardou en quentar, porque o pequeno calefactor non daba a basto.As aldeas e vilas galegas estiveron á cabeza en canto a participación nas primeiras horas desta xornada electoral.
Votación na Casa da cultura de Rodeiro
photo_camera Votación na Casa da cultura de Rodeiro

A única interventora presente, do PP, conta que aos 10 minutos de colocar a urna xa tiñan 18 votos, que é unha porcentaxe importante dos 122 electores censados. “Só veñen maiores, e véñenche cedo, antes da misa” conta a presidenta, que non supera os 30 anos, e que asegura que é das poucas mozas que hai na aldea. Concepción Docampo ten dificultades para chegar até a mesa onde se sentan os vogais. Trae consigo a papeleta, envolta nunha folla de publicidade do supermercado da vila, pero esqueceu o DNI, o que non é un impedimento para exercer o dereito ao voto. “Aquí é A Concha do Medelo, e todos a coñecemos” di a presidenta.

A participación no centro de Rodeiro facíase esperar, pero a cantidade de votos dunha das urnas da Casa da Cultura xa sorprendía cando aínda a néboa non levantara, pois o erro do presidente da mesa, fixo que os votos que chegaron por correo foran os primeiros en encetar a xornada. Un dos momentos de máis afluencia de electores “será na saída de misa, aínda que os cazadores xa votaron antes de saír ao monte”, di a interventora do PP, que asegura coñecer a todos os seus votantes polo nome, e sabe cantos votos vai haber para o seu partido, “levo anos acertando, e non fallo”.

As costumes de cada zona inflúen na hora pico de participación de cada colexio, así, colexios da Veiga de Valdeorras e da Gudiña, onde hai moita afección á caza, rexistraban nas primeiras horas os índices de participación máis altos do País. En contraste, colexios como o de Seoane, unha parroquia das Terras de Lemos, tiña ás 13 da tarde a urna con moi poucos sobres, “pois os veciños baixan ao mercado da vila e votan á volta” di a interventora do BNG.

A feira de Chantada fai que o tráfico estea saturado no centro da vila, e que o acceso ao colexio electoral teña que estar dirixido pola Policía Local. A localización de varias mesas coincidiu nun mesmo lugar, o novo Auditorio Municipal, “porque o alcalde quere lucilo”, asegura un dos policías. Pero esta aglomeración fixo que o transcurso da mañá se ralentizase, e que os interventores tiveran que facer de acomodadores dando información a todo aquel que non sabe en que mesa votar.

O renacentista Mosteiro de Nosa Señora da Antiga, no centro de Monforte de Lemos, está servindo neste domingo para celebrar a festa da democracia. Chama a atención aquí a ausencia dos interventores ou apoderados do partido do alcalde, o BNG, cando o PP ten até cinco nunha soa mesa. Un dos vogais conta que ao pouco de abrir, a Garda Civil tivo que pedirlle a “un home que estaba pedindo aquí na porta con dous cadelos” que elixira outro lugar para estar hoxe, pois “estaba atrapallando o paso e pedindo papelinas e papeletas”.

En Veigamuíños, unha parroquia do Barco, en Valdeorras, o ambiente está animado no colexio pese á ausencia da veciñanza que se reserva para a tarde. Nas primeiras horas, o frío no Centro Social era tanto que “un que veu a votar, que ten un licor café moi bo, trouxo unha botella” di a presidenta da mesa. Así que todo o que entra é convidado polo interventor popular, pai de Moisés Blanco, o presidente local do PP, a un “groliño para quentarse, e para animar un pouco esto”.

Comentarios