O PSOE fala de "asumir realidades para un novo modelo sanitario"

Pachi Vázquez agradece “o esforzo dos que traballan de forma desinteresada na sanidade” tras unha visita ao centro asistencia García Sabell da Coruña.
Pachi Vázquez no centro García Sabell
photo_camera Pachi Vázquez no centro García Sabell

O candidato do PSOE ás eleccións do vindeiro domingo, Pachi Vázquez, visitou o Centro Asistencial Domingo García Sabell da Coruña, onde afirmou que “a sanidade publica é un dos piares fundamentais dos dereitos básicos e non é o que nos meteu nesta crise, porque a sanidade é unha vítima e non se pode consentir que tenten privatizala”. Porén, o socialista suxeriu reformas ao respecto. “Eficiencia, cabeza, proxección de futuro e asumir as realidades, esas serán a clave en que imos construír o novo modelo sanitario”, dixo.

Vázquez agradeceu “o esforzo das organizacións que traballan desinteresadamente na saúde e a cuxas estruturas adicaremos unha parte moi importante dentro da sanidade publica”. “Cando visitas un centro como este non fai falla dicir nada, soamente a miña admiración e o compromiso do PSOE, que cre firmemente no que facedes”, engadiu.

Prestige

O líder d@s socialistas en Galiza tamén falou sobre o comezo do xuízo do Prestige, do cal dixo que “non hai que esquecer a historia”. “Os que enganaban naquel momento teñen agora máximas responsabilidades, como Rajoy e o director xeral da Garda Civil. Espero do proceso que nos avive a memoria a tod@s, porque un pobo que non recorda a súa historia nunca escribe ben a seguinte parte”, espetou Vázquez.

O ex-alcalde do Carballiño asegurou ademais que este xuízo lémbralle dúas palabras: “engano e fracaso, porque se nos pretendeu enganar a todos e todas, mais as voltas que dá a vida, os que nos enganaban volven estar nos cargos de máxima responsabilidade deste país”, criticou. Vázquez afirmou tamén que Galiza “non esta preparada para outro Prestige. “Habería que volver recoller o fuel coas mans”, asegurou o candidato do partido que gobernou durante case oito anos o estado desde a catástrofe.

Comentarios