O BNG empraza o PP e o PSOE para debateren conxuntamente

Nunha misiva enviada esta terza aos directores de campaña do Partido Popular e do PsdeG-PSOE, Montse Prado propuxo a Alfonso Rueda e Pablo García reunírese para determinaren os termos en que poderían celebrar os debates entre as tres forzas políticas.
photo_camera Carme Adán

No BNG, a directora da campaña electoral remitíu esta terza unha carta aos directores do PP e do PsdeG-PSOE para lles propor unha xuntanza “sen ningún tipo de condición previa” co obxectivo de estudaren calquera das fórmulas posíbeis en que se poida desenvolver o debate electoral entre as tres forzas políticas con representación parlamentar.

"É o que agarda de nós a sociedade galega"

@s nacionalistas aseveraron na misiva enviada que a celebración de debates electorais é unha “condición esencial para que a cidadanía se forme unha opinión ben fundada” ademais de que “fan parte da mellor tradición democrática”. A proposta achegada polo BNG conecta cunha das principais demandas da sociedade que exixe maior transparencia e proximidade ás forzas políticas á hora de formularen as súas políticas e alternativas.

Carme Adán lembrou esta mañá en rolda de prensa que é tamén obriga dos medios de comunicación públicos “sirviren para amosar as ideas e posturas” dos distintos partidos políticos. Segundo manifestou a nacionalista, o BNG xa mantivo esta mesma postura nos comicios de 2009, malia que finalmente o candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, se negase. Para Adán, “o mínimo é ter unha xuntanza para falar deste tema” nun momento de emerxencia nacional como o actual en que consideran fundamental para o exerccio dunha boa práctica democrática que o debate se desenvolva, cando menos, entre as tres forzas con representación no Parlamento de Galiza.

 "O PP si que lle fallou a Galiza"

Na súa comparecencia Carme Adán avaliou o comezo de curso escolar aseverando que este ano o ensino público galego contará con menos unidades e coas portas fechadas do programa Preescolar na Casa. Segundo Adán, esta situación débese "á insidia do señor Feijóo e do Partido Popular". Segundo a nacionalista, este ano académico comeza con menos docentes, menos unidades escolares, menos axudas para o estudo e máis gasto familiar. 

Comentarios