O BNG denuncia que Feijóo vendeu o medio rural "ás multinacionais".

A formación nacionalista mantivo esta mañá unha xuntanza coa Federación Rural Galega. Guillerme Vázquez denunciou o abandono do medio rural por parte do actual goberno galego e apostou por “facer xustamente o contrario do que está a facer o PP” para poñer remedio ao despoboamento.
Guillerme Vázquez e Xurxo Álvarez
photo_camera Guillerme Vázquez e Xurxo Álvarez

Malia se ter convertido o seu abandono nun dos principais problemas de Galiza nas últimas décadas, non adoita ser a saúde do rural un dos temas centrais das campañas electorais galegas, circunstancia que o BNG afirma querer reverter, razón pola que mantivo este martes pola mañá unha xuntanza coa Federación Rural Galega (Fruga). Ambas as dúas organizacións coincidiron na negativa diagnose da xestión da actual Xunta do PP.

"Feijóo abandonou decididamente o medio rural galego e entregoullo ás grandes industrias transnacionais" Guillerme Vázquez

A delegación da Fruga estivo encabezada polo seu presidente, Xurxo Álvarez, e a do BNG polo Portavoz nacional Guillerme Vázquez, que estivo acompañado pola secretaria de Organización, Montse Prado, e o secretario de Acción Social, Rafa Vilar. O candidato á Xunta, Francisco Jorquera, non estivo poresente ao estar a esa hora participando no seu último debate como deputado nacionalista no Congreso.

Na conferencia de prensa posterior, Guillerme Vázquez afirmou que “nestes tres anos e medio o señor Feijóo abandonou decididamente o medio rural galego e entregoullo ás grandes industrias transnacionais”. Asemade, o portavoz da fronte nacionalista reclamou explicacións a Feijóo polos prezos do leite, os máis baixos do estado, e denunciou que o seu goberno deulle as costas ao sector.

A posibilidade de desenvolver outras políticas diferentes no medio rural quedaría demostrada pola xestión desenvolvida polo nacionalismo desde o goberno galego. “O BNG ten unha traxectoria contrastada, tamén estando no goberno da Xunta, de apoio decidido ao medio rural Ese foi sempre o noso compromiso e seguirá a selo no futuro”, subliñou Vázquez. O programa electoral do BNG para o 21-0 recolle varias medidas na liña das desenvolvidas naquela etapa, como a que fala de “reformar as estruturas agrarias e reorientar o modelo produtivo (Banco de Terras, modificación da política de concentración parcelaria, axudas aos investimentos nas explotacións…)”.

A maiores, Guillerme Vázquez indicou que “a consecuencia do que está a acontecer coas políticas de Feijóo é que se incrementa o despoboamento de amplas zonas rurais do país e que cada vez máis os sectores agrogandeiros esmorecen”. Como remedio, o dirixente nacionalista, apuntou a “facer xustamente o contrario do que está a facer o PP, actuar e ter un goberno que si crea que este sector agrogandeiro é estratéxico para o país, e darlle apoio político, porque o emprego non se crea do aire, créase con bases produtivas, e en Galiza deixando esmorecer os sectores en que somos competitivos é imposíbel crear emprego”.

Comentarios