Madó Gómez, hostaleira: “Os recortes deste goberno afectan ao consumo”

Leva moitos anos nun dos establecementos históricos de Compostela, unha chocolataría, na que traballan tres persoas. Nos últimos catro anos observou como cada vez ten menos clientela e comenta que na zona todos os comercios están na mesma situación.

Como esta a situación no comercio galego?

Moi grave. Vai a haber moitos peches inminentes. Non se pode aguantar así. Subiron agora o IVE e ningún comercio da zona subiu os prezos. Asumimos o custe. O comercio vai a pique. Agora o concello vai reducir a zona ORA de catro horas a unha na zona vella. Canto tardas en facer as compras? Non temos futuro aquí. Estannos botando. Para que? Para as grandes áreas comerciais? Tampouco podemos aparcar os que traballamos e os horarios dos autobuses comezan tarde.

Logo están os recortes deste goberno que afectan ao consumo. Aos traballadores públicos quítanlle pagas, soben o IVE, os impostos,... ir tomar unha copa ou un café agora é un luxo! Se o comercio non xera cartos que vai pasar? Afógannos. Agardamos un salvavidas.

"Vou botar a un empregado para contratar a unha cativa por unha subvención que me van dar....?"

Sálvase alguén?

Mira ti os locais emblemáticos da cidade. Non teñen xente.

Cal pode ser a razón?

O medo. Mil euros nunha familia de catro persoas cando subiron os medicamentos, a auga, a luz, o gas,... o teu soldo baixou e tes fillos que manter,... soben o material escolar,... quitaron o cheque escolar,.... e pagas un aluguer!

Se pechan os comercios aumentará o paro...

Se os comercios non venden, se as institucións non dan facilidades,... se tes empregados e pagas por eles máis de 2.000 euros...

E as facilidades para contratar que anunciou o goberno?

Para quen? Para os que están ou para contratar xente?. Non botarás á rúa a xente que leva contigo toda a vida. Nós somos unhas empresa familiar con tres persoas. Vou botar a un empregado para contratar a unha cativa por unha subvención que me van dar....? E pagarlle 600 euros ao mes?

Para o empresario non hai facilidades. Nesta mesma rúa hai empresarios que teñen xente maior, de máis de 60 anos. Antes descontábanlle un tanto por cento da seguridade social do empregado. Agora quitáronllo. Deixará na rúa a unha persoa que leva máis de corenta anos traballando na empresa? Metes un cativo e deixas na rúa a un pai de familia?

Como será o futuro se non hai cambios?

Moi negro. 

Comentarios