Jorquera: ''Unha comarca como a de Ferrolterra sabe ben que son as demolicións Feijóo''

O candidato do BNG á Xunta visitou esta terza a cidade departamental, onde se comprometeu a revitalizar o naval, un sector ''totalmente paralizado'' por culpa de Feijóo e de Rajoy. De gobernar, o nacionalista fará cumprir a Lei do sector naval de Galiza e levantará o veto á construción civil na vella Astano
Mitin do BNG en Ferrol
photo_camera Mitin do BNG en Ferrol

"Unha comarca como a de Ferrolterra sabe ben que son as demolicións Feijóo", proclamou esta terza feira o candidato do BNG á Xunta, Francisco Jorquera, remitindo ao spot electoral da formación frontista, en que un carro rotulado co logotipo da empresa Demolicións Feijóo conduce polo vieiro de Madrid e cara ao abismo.

No mitin de campaña pronunciado na cidade departamental, o nacionalista recordou que o sector naval, "un dos principais motores económicos da zona", está "totalmente paralizado" como consecuencia das políticas desenvolvidas polo PP tanto na Xunta como no estado e en Bruxelas.

"Temos un proxecto de país", dixo Jorquera. Deseguido aproveitou que o mitin central da campaña do PP foi tamén en Ferrol e, facendo un xogo de palabras, ironizou sobre os tres anos de mentiras que emanaron da Xunta para sinalar que "entrementres nós facemos un mitin, Feijóo fai un mentín".

Unha lei do naval e carga de traballo na vella Astano

O nacionalista afirmou que o BNG fará cumprir a Lei do sector naval de Galiza, impulsada por Iniciativa Lexislativa Popular mais que o PP nunca desenvolveu, traballará para levantar o veto á construción civil en Navantia-Fene e teimará para a construcción do dique flotante.

"Porque Feijóo vai facer o que adoita facer cando se achega un período electoral: prometervos o dique flotante e carga de traballo para Navantia". Mais, cadrando coa xornada en que arrinca o xuízo pola marea negra do Prestige, Jorquera  subliñou "o valor" que ten a palabra de Feijóo e dos altos cargos da dereita española.

"Galiza é un país rico, gobernemos nós os nosos recursos para podermos decidir en Bruxelas", enfatizou o candidato do BNG. Recordando máis unha vez o que lle contaban de pequeno, que Galiza era a despensa de España, defendeu que o abano de posibilidades de cara ao 21-O "está totalmente aberto". Cos datos do Instituto español de estatística aínda frescos, onde se sinala que cada mes marchan do país 2 mil moz@s de entre 20 e 34 anos, falou Jorquera para a xente moza e animouna a "votar rebelde" para mudar o goberno da Xunta.

Comentarios