Jorquera quere “devolver o poder ao povo” fronte á ditadura dos mercados

O candidato do BNG presentou onte as súas propostas para a “rexeneración democrática” entre elas destaca unha lei de consultas populares. A fronte nacionalista propón unha reforma da CRTVG para garantir a súa independencia e unha nova lei electoral, con Galiza como circunscrición única e sen a barreira do 5%.
Francisco Jorquera, candidato do BNG  á Presidencia da Xunta
photo_camera Francisco Jorquera, candidato do BNG á Presidencia da Xunta

O BNG quere dar resposta á demanda social de rexeneración democrática. Francisco Jorquera presentou onte nun acto aberto en Cambre un paquete de propostas con esa finalidade. Entre elas, unha lei de consultas populares que permitiría que a sociedade “teña a última palabra” en asuntos de especial relevancia. Puxo como exemplo que o memorando que recollía as condicións do rescate ao Estado español nin se debateu no Congreso d@s deputad@s e si no Parlamento alemán. “Esa é a calidade da democracia do PP” denunciou.

Do contrario, para o candidato nacionalista á presidencia da Xunta “seguiremos con gobernos que lexislan contra os intereses da maioría, e iso non é democracia, é plutocracia, é ditadura dos mercados”.

Jorquera contra o PP: “En vez de escoitaren o clamor das rúas insisten nas políticas de recortes”

Jorquera defende que se debe superar a dinámica de “gobernos que se poñen de costas á xente que os elixiu e fan a política que ditan os grandes poderes económicos” como –na súa opinión-- fan Feijóo e Rajoy. Cargou tamén contra a “xordeira” dos gobernos do PP que “en vez de escoitaren o clamor das rúas insisten nas políticas de recortes”.

Propostas concretas para rexenerar a democracia

Para o BNG a vixente democracia --formal-- precisa dunha rexeneración profunda. Esta pasaría polas coordenadas da transparencia, o respecto ao pluralismo político, por salvagardar o dereito á información e polo estímulo da participación social na política.

Entre as medidas concretas que a fronte nacionalista incluirá no seu programa de goberno figura a reforma da CRTVG para asegurar que “sexan medios realmente públicos e non un instrumento ao servizo do goberno de turno”. Asemade, defenden a necesidade dunha nova lei electoral que suprima o mínimo do 5% para obter representación e que faga de Galiza circunscrición única, co obxectivo de asegurar “que o Parlamento de Galiza sexa reflexo da pluralidade”.

Outra das iniciativas será a da celebración de consultas populares vinculantes. Jorquera lembrou onte que “o BNG foi a primeira forza que propuxo que as políticas de recortes se sometan a un referendo e sexa en última instancia a sociedade quen diga se está de acordo por exemplo co rescate e coas súas condicións”.

Comentarios