CxG defende o pequeno comercio como garante de consumo responsábel e de calidade

O candidato de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, avogou en Padrón polo pequeno comercio para fomentar o consumo e produción de alimentos locais, de calidade e sustánbeis nunha defensa do sector produtivo galego. En Porto do Son mantivo unha xuntanza aberta coa veciñanza
Compromiso no mercado de Padron
photo_camera Compromiso no mercado de Padron

O candidato de Compromiso por Galicia  á presidencia da Xunta, Xoan Bascuas, fixo este domingo campaña en Padrón e Porto do Son. No primeiro dos actos, coincidindo co tradicional mercado desta vila coruñesa, defendeu a importancia do tecido comercial e produtivo galego como garante dun consumo responsábel á vez dun motor de riqueza e xeración de emprego. Bascuas, acompañado por un grupo de simpatizantes, percorreu os diferentes postos, trasladando aos comerciantes as propostas de CxG e escoitando as necesidades e demandas do sector.

En Porto do Son, o acto de Compromiso centrouse nunha xuntanza aberta con veciños e veciñas no Concello Vello, onde o candidato da formación mantivo un diálogo cos presentes. Bascuas defendeu a necesidade dunha outra política, marcada pola proximidade á xente como vía que permita á cidadanía ter voz na toma de decisións.  

Compromisos coa cidadanía

CxG centra a súa campaña en 30 compromisos fundamentais coa cidadanía, dos cales expuxo as liñas mestras perante a veciñanza de Porto do Son. A defensa dunha democracia participativa, a defensa do tecido produtivo galego e da identidade do país, e a aposta, desde o realismo e día a día, por erguer un novo xeito de facer política son algunhas das achegas.

Comentarios