Cochón, Lago e agora Diz Guedes abandonan a Feijóo por Mario Conde

Mario Conde tería fichado Juan Manuel Diz Guedes como director de campaña. Hernández Cochón e Gloria Lago xa o acompañaran no acto da súa presentación como candidato.
Mario Conde, candidato de SCyD á Presidencia da Xunta
photo_camera Mario Conde, candidato de SCyD á Presidencia da Xunta

Os temores existentes no Partido Popular de que a candidatura de Mario Conde puidese contar con apoios desde as súas filas, especialmente entre o denominado sector da boina, comezan a confirmarse. No Partido Popular preocupa o efecto electoral de que a dereita concorra dividida en tres candidaturas (PP, SCyD e UPyD) ás eleccións autonómicas, máxime cando existe a probabilidade certa de que perdan a maioría absoluta que colleitaron pola mínima --un deputado e con menos votos que a suma BNG e PSOE-- en 2009.

O apoio de Cochón e Gloria Lago e a baza de Baltar

O pasado 14 de setembro arrouparon coa súa presenza o ex-banqueiro no acto en que fixo pública a súa candidatura á presidencia da Xunta, José María Hernández Cochón, quen fora conselleiro de Sanidade nun dos gobernos Fraga, e Gloria Lago, presidenta do colectivo Galicia Bilingüe outrora moi ligada a Núñez Feijóo pola súa estreita relación coa viguesa Corina Porro.

Entre as preocupacións de Feijóo tamén estivo a amizade que une a Conde coa familia Baltar

Outro sinal preocupante para @s populares foi o feito de que Enrique Martí Maceda, persoa moi próxima ao xornal La Región --que mantén unha liña hostil a Feijóo desde hai varios meses, sexa o cabeza de lista por Ourense de Sociedad Civil y Democracia.

Entre as preocupacións de Feijóo tamén estivo a amizade que une a Conde coa familia Baltar. Extremo que tería sido empregado polo clan ourensán para premer o líder popular na configuración da candidatura provincial d@s populares.

Diz Guedes, do sector da boina do PP a director de campaña de Conde

O último golpe foi a fichaxe de Juan Manuel Diz Guedes como director da campaña de Conde. Diz Guedes foi exconselleiro e un dos homes fortes de Fraga, como demostrou o seu papel durante a crise das vacas tolas tras o cesamento de Castor Gago como conselleiro de Agricultura. Foi, así mesmo, delegado do goberno en Galiza durante a primeira lexislatura de José María Aznar na Moncloa.

Ligado ao sector da boina, canda Xosé Cuíña, caeu en desgraza no seo do PP despois de cuestionar o sometemento aos ditados de Madrid durante a crise do Prestige. En 2006 dáse de baixa no partido e en 2007 opta como independente á alcaldía de Tui, cargo que xa ostentara entre 1987 e 1990. En 2011 anunciou a súa retirada da primeira liña política.

O seu regreso á política activa será, segundo transcendeu este sábado, para facerse cargo do operativo de campaña e da exigua organización con que conta Sociedad Civil y Democracia, partido recén constituído, cara aos comicios do 21-O.

Comentarios