As promesas de Pachi Vázquez en materia de emprego xa alcanzan os 140 millóns de euros

O candidato socialista anunciou desde o mitin en Vigo un fondo de 40 millóns de euros para impulsar a contratación de parad@s de longa duración.
Pachi Vázquez e Rubalcaba en Vigo
photo_camera Pachi Vázquez e Rubalcaba en Vigo

Logo dos anuncios dun plano de emprego xuvenil, dotado con 40 millóns de euros, e doutro programa para favorecer a contratación de mulleres, cun orzamento de 60 millóns, Pachi Vázquez engadiu outros 40 millóns de euros, desta volta, para financiar un fondo dirixido a impulsar a contratación de parad@s de longa duración.

As promesas electorais en materia de emprego do candidato socialista á Presidencia da Xunta xa atinxen os 140 millóns de euros. A súa premisa, segundo asegurou é a de que “non haberá nin un euro para nada mais que para crear postos de traballo e apuntalar ao goberno como motor de emprego”.

Desde o mitin do PSdeG-PSOE que onte tivo lugar na cidade de Vigo, e no que tamén participaron Alfredo Pérez Rubalcaba e Abel Caballero, Pachi Vázquez criticou que Feijóo, “que anunciaba acabar co paro en 45 días, mandou un galego ao paro cada dez minutos”. Pola súa banda Rubalcaba definiu en tres palabras á dereita: “incompetencia, mentiras e irresponsabilidade social”. “A dereita de hoxe, é a mesma de hai dez anos” sinalou en referencia ao Prestige.

Comentarios