Anova e IU perfilan a súa folla de ruta ''contra o desgoberno do PP''

AGE, a coalición que formaron as organizacións encabezadas por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, xunto a Ecosocialistas e máis Equo, conseguiu sentar nove representantes na Cámara galega tras os comicios do 21-O. As dúas pólas de Alternativa traballarán na procura dunha estratexia ''cohesionada'' para actuar como oposición a Feijóo.

Conscientes da "enorme responsabilidade" adquirida nas urnas, as organizacións políticas Anova-Irmandade nacionalista e Izquierda unida celebraron este sábado sendas xuntanzas dos seus órganismos de dirección para valorar os resultados do 21-O --cita en que a coalición AGE, que a formación que lidera Xosé Manuel Beiras formou con IU acadou 9 representantes-- e deseñar a estratexia coa que afrontarán desde a bancada da oposición á renovada maioría absoluta de Feijóo.

Anova quere consolidarse organizativamente

Anova convocou a primeira reunión da súa Coordinadora nacional após os comicios. Na xuntanza celebráronse os "excelentes" resultados colleitados nas urnas por AGE.

Aliás, desde Anova anunciaron que o grupo parlamentar conseguido, cuxo voceiro será Beiras, "estará comprometido coa liberación nacional e social da Galiza", e traballará en prol da autodeterminación. Asemade, a formación mostrou o seu apoio á folga xeral convocada para o 14 de novembro, e aventurou o mes de xaneiro como prazo en que debera ficar finalizado o proceso de consolidación da organización organizativo iniciado en xullo e adiado pola convocatoria electoral.

IU aposta por unha actuación "contundente e cohesionada"

Tamén este sábado se reuniu a executiva nacional de IU, que entendeu os resultados electorais como unha mostra "de que o pobo quere un cambio pola esquerda".

A formación que encabeza Yolanda Díaz manterá a vindeira semana unha xuntanza no marco do Consello político nacional, e nela artellarase o traballo de IU con Anova na procura dunha estratexia conxunta. Informou o partido de Díaz nun comunicado de traballarán arreo para "definir e perfilar" unha folla de ruta "contundente e cohesionada" cuxa primeira mostra chegará o 14 de novembro, co apoio á folga xeral.

Comentarios