A estafa das preferentes persegue ao Partido Popular tamén na campaña

Varias decenas de afectad@s concentraronse ás portas do mitin do PP en Pontevedra no que participaban Feijóo e Rajoy.
Afectad@s das preferentes protestando ás portas do mitin do PP en Pontevedra
photo_camera Afectad@s das preferentes protestando ás portas do mitin do PP en Pontevedra


As e os afectados polas participacións preferentes mantiveron durante todo o verán un importante ritmo mobilizador, con numerosos actos de protesta. Un dos de maior impacto foi o realizado na vila de Sanxenxo, onde veraneaba o Presidente do Goberno español Mariano Rajoy. Outro máis recente foi a concentración ás portas do castelo de Soutomaior, o pasado 1 de setembro, no acto co que @s populares encetaban curso político. A súa presenza, moi incómoda para @s populares foi repelida con varias cargas policiais.

Parece que o Partido Popular non se librará tampouco dos apupos e asubíos durante a campaña cara ao 21-O. Este sábado, varias ducias de afectadas e afectados protestaron no exterior da praza de touros de Pontevedra onde tiña lugar un mitin do PP coa presenza do seu candidato, Alberto Núñez Feijóo, e máis Mariano Rajoy. As e os manifesantes portaron pancartas nas que se podían ler mensaxes como “Estafados polos bancos, expropiados polo goberno” e consignas nas que reclamaban solucións ao Goberno central. 

Asemade, un pequeno grupo de afectados logrou adentrarse no mitin --ao que só se podía acceder con invitación-- para visibilizar desde as gradas a súa problemática e denunciar o abandono que segundo sinalan padecen do Partido Popular. Ao mostraren as súas camisolas reivindicativas foron expulsados do recinto, sendo insultados polos simpatizantes do PP mentres o abandonaban.

Malia o reducido número de manifestantes e non terse rexistrado ningún incidente, a protesta foi acosada máis unha vez por unha numerosa presenza policial, que tentou impedirlles que se manifestaran nas inmediacións á entrada principal da praza de touros, lugar de onde finalmente foron afastados polo cordón policial.

Comentarios