A Xunta tramita un novo parque eólico de Norvento na Estrada, Monte Xesteiros

O proxecto foi sometido onte a información pública, trámite que se estenderá os próximos 30 días.
Fileira de eólicos na serra do Candán, na comarca do Deza (Foto: Arxina).
photo_camera Fileira de muíños na serra do Candán, na comarca do Deza. (Foto: Arxina)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) someteu esta quinta feira a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e o proxecto sectorial das instalacións do parque eólico Monte Xesteiros, que se construiría no termo municipal da Estrada (Terra de Montes). Esta documentación, recollida nunha resolución asinada pola Consellaría de Economía, ficará exposta durante 30 días a partir desta sexta, como marca a lei.

Así, as persoas e entidades afectadas poidan estudar o proxecto e presentar as correspondentes alegacións. Todos os documentos estará dispoñíbeis na web da Consellaría, así como nas instalacións da Xefatura Territorial de Pontevedra, durante este período.

Trátase dun novo proxecto eólico promovido pola compañía luguesa Norvento, que prevé instalar oito aeroxeradores de até 6.100 quilowatts de potencia unitaria e duns 158 metros de diámetro de rotor, cunha altura de 114 metros.

A potencia total instalada neste parque será de 33 megawatts (MW), cunha produción anual estimada de 126.434 MWh —equivalente ao consumo eléctrico anual duns 39.000 fogares, con base nas estimacións de Rede Eléctrica de España— e un orzamento que supera os 22 millóns de euros.

Parque eólico Piago

Por outra parte, tamén esta quinta feira o DOG difundiu a corrección de erros dunha resolución previa relativa a outro parque eólico, Piago, de Naturgy, nos concellos de Cervo, Xove, Viveiro e O Valadouro, onde modifica os dereitos de acceso e conexión á rede da potencia de 22,45MW inicialmente recollida aos 27,60 MW dos que realmente disporá a través de sete muíños.

Comentarios