A Xunta fía á chegada do frío o remedio á "Covid das vacas"

Medio Rural prevé que 'desaparecerá' o mosquito
Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, prevé que "nun par de semanas, como moito dúas ou tres semanas", deixe de circular o mosquito vector da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), máis coñecida como a 'Covid das vacas'. Unha doenza que afecta xa 18 comarcas veterinarias da Galiza e que deixa 67 reses mortas en poucos meses. 

A "cura" da Xunta da Galiza para a EHE é agardar a que descendan as poboacións do mosquito que transmite a enfermidade.

Así o expuxo esta sexta feira Balseiros en resposta a unha pregunta do BNG na comisión de Agricultura, onde o deputado nacionalista Xosé Luís Ribas alertou de que esta doenza "está causando estragos na cabana gandeira" –uns prexuízos económicos que o sector gandeiro cuantifica nun total de 700 euros por animal enfermo, incluíndo gasto veterinario e perda de produción–.

Ademais, Ribas censurou o "silencio absoluto" da Xunta que levou a que os gandeiros e as gandeiras "non souberan ada até mediados de setembro": en xullo o mosquito vector xa estaba en Zamora (Castela e León) e, non obstante, "non se preveu nada", afirmou o deputado nacionalista.

Así, Ribas expuxo que existen afectacións "bastante considerábeis" á produción, cos servizos veterinarios "colapsados", e urxiu a Xunta a indemnizar os gandeiros e as gandeiras, xa que considerou que non "é tan difícil" valorar o impacto no leite e na carne.

A este respecto, a Medio Rural confirmou a Nós Diario que as axudas adxudicaranse por res morta, e non por perda de produción. 

Comentarios