Un xulgado ordena o desaloxo por débedas do hotel Hesperia A Coruña

O xulgado advirte á sociedade de que, no caso de que non libere o edificio, procederase ao seu lanzamento o próximo 14 de xullo.
Hotel Hesperia A Coruña (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Hotel Hesperia A Coruña (Foto: Xoán Roberes).

O Xulgado de Primeira Instancia número 13 da Coruña condenou Hotelera Noroeste S.A. a desaloxar o Hotel Hesperia da cidade herculina, situado no edificio dos históricos almacéns El Pote, por falla de pagamento do alugueiro.

Ademais, o xulgado advirte á sociedade de que, no caso de que non libere o edificio, procederase ao seu lanzamento o próximo 14 de xullo, a condición de que non se recorra a sentenza e o solicite a empresa propietaria do inmóbel.

A compañía hostaleira, segundo detallou o Tribunal Superior de Xustiza a Galiza (TSXG), tamén foi condenada a abonar 384.717 euros en concepto de rendas impagadas correspondentes aos meses de abril, maio, xuño, xullo e setembro de 2020, máis os intereses legais; así como as rendas e cantidades que debe desde a interposición da demanda, o pasado 30 de setembro, até o total desaloxo do inmóbel.

A xuíza, que declarou resolto o contrato de arrendamento subscrito o 25 de agosto de 2000, explica na sentenza que, desde abril de 2020 até a actualidade, a compañía hostaleira só fixo o ofrecemento de aboar unha mensualidade e media.

Ademais, a maxistrada destaca que é "un feito notorio" que durante o verán de 2020 o hotel estivese aberto ao público e, a pesar diso, "non se fixo pago ningún de renda".

A sociedade propietaria do edificio, pola súa banda, aboou o IBI do ano 2020 ─63.655 euros─, cuxo importe é "practicamente idéntico a unha mensualidade de renda".

"Non se observa unha postura dilixente e favorecedora ao cumprimento do contrato de arrendamento que xustifique a excepcionalidade da suspensión", explica a xuíza, quen destaca que "non se acreditou" causa algunha que xustificase o incumprimento da obriga de abono das rendas.

Comentarios