Xubilarse aos 67 anos entra en vigor esta terza feira

A reforma das pensións aprobada polo goberno de Rodríguez Zapatero, daquela coa oposición do Partido Popular, entra en vigor o vindeiro primeiro de xaneiro. A partires desa data e até 2027 as xubilacións encamiñaranse progresivamente cara aos 67 anos, malia que o actual presidente do executivo español, Mariano Rajoy xa anuncia que as reformas continuarán.

Esta terza feira entra en vigor a lei pola cal a idade de xubilación pasará dos 65 ao 67 anos. O incremento producirase de maneira progresiva e será dun mes cada ano até 2019, a partir de aí e até 2027 serán dous meses de traballo máis durante os nove anos seguintes. Así até cumprir 67 anos, @s traballadoras e traballadores deberán ampliar a súa vida laboral de acordo coa reforma da lei de pensións aprobada de maneira definitiva en 2011 e que se aplicará de maneira efectiva a partir da vindeira terza feira (1 de xaneiro).

Neste senso, para cobrar integramente a pensión máis alta, @s traballadoras e traballadores deberán ter cotizados 37 anos ou chegaren a ter cotizados 38,5 anos antes desa idade. Porén, a nova norma tamén modifica o método de cálculo das pensións ampliándoo de 15 a 25 anos. Aliás, a reforma, retrasa a xubilación anticipada de maneira progresiva até os 63 anos fronte á actual idade (61) malia que a súa aplicación adiarase durante os tres primeiros meses de 2013, segundo anunciou o executivo español, en aras dun posíbel acordo cos demais grupos parlamentares.

A lei, procura satisfacer os desexos expresados desde Bruxelas, que insistiu de maneira teimosa durante este ano en ampliar a idade de xubilación. Así mesmo, o Consello de Ministr@s da pasada sexta feira xa adiantou que o goberno español continuaría adiante coas reformas argüíndo que o actual sistema de pensións "é insostíbel" polo que previsibelmente ao longo de 2013 sexa reformado de acordo coas demandas da UE.

Imaxe portada: Xose Lois 'O Carrabouxo'

Comentarios