Voces para expresaren as razóns da folga xeral de mañá

A xornada de paro do 14N xa está en marcha. Cidadáns e cidadás galeg@s poñen voz aos motivos e razóns para secundaren esa xornada. Falan por si propi@s, mais empregan, ao falaren, a palabra 'tod@s'.

Folga Xeral

O 14 de novembro hai folga xeral na Galiza. E tamén no resto do Estado español e en Portugal, para alén de mobilizacións e protestas noutros países europeos. Unha xornada de paro en que as persoas que a convocan advirten que hai moito en xogo. No noso país, a folga chega, aliás, no proceso de constitución do novo parlamento e goberno galego, saído das urnas o pasado 21 de outubro con maioría do PP. De aí que este paro teña na Galiza un significado especial para visualizar que os votos aos populares non amparan medidas e ataques contra as maiorías sociais.

Pedro. Desempregado. A Coruña. Pedro fai parte desas máis de 260.000 persoas que na Galiza están en situación de desemprego. Leva en paro algo máis dun ano. Sabe que non vai ser doado atopar traballo, e menos no seu ("eu traballaba en revestimento de fachadas, o da construción foise ao carallo e non ten pinta de que vaia mellorar"). Está casado e ten un fillo de sete anos. Vai ir ás mobilizacións no marco da folga, "claro". Razóns? "Pois creo que con botar unha ollada xa hai centos, non si?". Como persoa desempregada, apunta os recortes e a criminalización deste colectivo por parte dos gobernos ("semella que somos uns lacazáns"). Mais, afirma, se estivese traballando "tamén iría, porque nos xogamos moito tod@s en xeral. Estanse a cargar todo e temos que lles dicir que non, que non queremos iso".

Alén das circunstancias persoais de cada un e dos seus respectivos sectores, coinciden en que a folga debe ser unha resposta unitaria "contra un ataque a tod@s"

Ana. Estudante. A Mariña. É de Viveiro e estuda unha licenciatura en Compostela. "Si que vou ir. Iso seguro, vamos", afirma con rotundidade. Argumentos que expón con vehemencia: "Mais ti sabes o que estes (resalta estes) están a facer co ensino? Xa non é só o recorte de bolsas, que tamén, e teño coñecidos que van ter que deixar de estudar porque lles van quitar as bolsas. Estudar é un artigo de luxo!". Ana engade, aliás, unha longa vaga de recortes e medidas que depauperan a calidade do servizo público "e millóns van para os privados". Mais esta mariñá apunta que ir á folga xeral "debería ser obrigatorio para case tod@s, porque nos están a machacar". Sinala que na súa casa, ao seu pai, traballador na hostalaría, "si que lle gustaría ir, mais non creo que o faga porque ao xefe non lle chista moito. De feito xa me dixo: Vai ti polos dous".

Mariló. Comerciante. Barbanza. Ten un pequeno comercio e o impacto da suba do IVE veu bater con dureza nunha situación xa difícil. "Volvín a apuntar no caderno, como nos tempos de antes, de cando había necesidade. A xente non ten cartos". Vai secundar a xornada do 14N. "Eu pecho, creo que é o que teño que facer. Pola miña situación, si, mais tamén pola de tod@s".

"Eu vou ir á folga. Por min, polo meu veciño que non pode porque ten medo de que o despidan, pola miña filla pequena e polo meu pai, encamado"

Xosé. Morrazo. Operario dunha auxiliar do naval. Ten un discurso claro e onde incide punto por punto nas diferentes medidas adoptadas polos executivos autonómico e central nestes meses, con especial fincapé na reforma laboral. Da datos de destrución de emprego no naval e, como non, saca o caso Pemex como exemplo, di, "de que para eles (en referencia ao goberno) todo vale. Mentir e manipular, xogando coa difícil situación de milleiros de persoas". Secunda, "como non", a folga xeral, "e seguro que vai ser un éxito porque é algo que se viña demandando; a CIG no seu momento xa a propuxo, mais CCOO e UGT dixeran daquela que non. Agora hai unidade sindical para esta convocatoria. Así que, para adiante tod@s".

Francisco. Pensionista. Verín. Anda polos 70 anos mais fala como se tivese a ilusión dun adolescente, "iso si, con experiencia", recalca entre risos. Considera que a convocatoria da folga xeral está máis que xustificada. "Xa non é por nós, os pensionistas e xubilados, que vivimos cada vez peor. É polos mozos, porque estes gobernantes vos van deixar un mundo de merda". Bota man da memoria e lembra que "nunca imaxinei que ía ver xente en Ourense durmindo na rúa. Viuno en Hamburgo (onde estivo emigrando) e en cidades moi grandes de Alemaña, mais era outra cousa". Lamenta que os gobernos sempre xoguen cos pensionistas ("que se nos soben algo a pensión, que se tal, que se cal... mais coa suba dos prezos, pagar medicamentos... vivimos cada vez peor"). Francisco mesmo sinala que a folga xeral "tería que ser dunha semana enteira, ao grande, para darlles nos fociños e deixarlles moi clariño que non imos pasar porque nos amolen a tod@s".

Ester. Empregada pública. A administración pública un dos sectores máis afectad@s polas medidas do goberno, concretadas en recortes salariais e perda de dereitos. "E agora, abrindo as portas a despidos colectivos na administración", apunta. Mais non vai acudir á Folga Xeral do 14 de novembro só por isto. "Senón como cidadá, porque os brutais recortes en sanidade e educación, por poñer dous exemplos, supoñen camiñar cara a unha sociedade onde todo vai depender só dos cartos que teñas. E se non os tes, como se morres na rúa. É terrorífico. E temos que o parar".

Comentarios