domingo 12.07.2020

Viticultores preguntan á Xunta se sabe dos efectos da PAC no sector

Reunión da Asociación Galega co conselleiro
A Ribeira Sacra. Foto: cedida.
A Ribeira Sacra. Foto: cedida.

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) quere saber se a Xunta ten marxe de manobra na elaboración do Plan Estratéxico co que o Ministerio de Agricultura modulará "os efectos da nova PAC". Así llo expuxo ao conselleiro de Medio Rural, José González, o pasado 21 de xaneiro. Pola AGV asistiron o seu presidente, Roberto Ribas e o coordinador Xan Bautista Cambón.

Entre as dúbidas que os viticultores formularon á consellaría atópanse a de se o plan do ministerio será "centralista ou descentralizado"; cal vai ser a súa dotación; como se van aplicar as porcentaxes de cofinanciamento; como se vai definir a figura de Labrego Xenuíno, ou se os pagamentos por hectárea serán liñais ou decrecentes. A maiores, a xuntanza tratou sobre a repercusión dos aranceis de Estados Unidos ou das consecuencias do Brexit. A asociación trasladou ademais ao Goberno algunhas preocupacións sobre a reforma da PAC, como as relativas ás mudanzas na autorización das denominacións de orixe, nos permisos para novas plantacións ou na liberalización en 2020.

comentarios