Que autoridades se atreveron a ir á Feira de Santos a Monterroso pese á Borrasca?

A borrasca Ciarán non foi quen de augar unha xornada con tradición desde a Idade Media.
Centos de persoas esta cuarta feira na Feira de Santos, en Monterroso (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Centos de persoas esta cuarta feira na Feira de Santos, en Monterroso (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A Feira de Santos de Monterroso (A Ulloa) desafiou esta cuarta feira as inclemencias do tempo provocadas pola borrasca Ciarán e acolleu un ano máis centos de visitantes, locais e turistas, que acudiron a visitar os postos agroalimentarios e de maquinaria agrícola. A feira, cuxo orixe se remonta á Idade Media, está declarada de Interese Turístico.

Segundo sinalou a Nós Diario o alcalde, Eloy Pérez, este ano bateuse o récord de postos de venda na feira, con máis de 1.100. Ademais, as previsións coas que traballa o Concello sinalan que o retorno económico para Monterroso alcanzou “centos de milleiros de euros”.

Entre os asistentes estiveron o conselleiro de Medio Rural, José González, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que puxeron en valor a importancia da gastronomía local e o bo facer dos produtores galegos. 

Tamén acudiron a deputada do BNG no Parlamento da Galiza, Carmen Aira, e o portavoz nacionalista na localidade, Brais Vázquez, que destacaron que a feira de Monterroso trátase dunha das citas "máis importantes do ano do rural galego".

Aira enxalzou as posibilidades e a calidade dos produtos que se producen no rural. "Monterroso demostra na súa feira que a Galiza é un país rico e diverso cun milleiro de posibilidades, mais o que fai falta son proxectos transformadores nos concellos e no país para dinamizar e contribuír á mellora da calidade de vida das persoas que viven no rural", remarcou a deputada.

"Feiras como esta son a clave para fomentar o consumo de proximidade, para contribuír a un sistema máis sostíbel e á vez xerar máis dinamismo económico no propio territorio", concluíu a nacionalista.

Pola súa parte, o candidato do PSdeG á Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, que tamén se achegou a Monterroso, reivindicou o protagonismo dos autónomos e das empresas que "unen tradición e innovación". 

"Son un orgullo para o noso país e un exemplo do desenvolvemento rural da Galiza grazas aos fondos europeos que conseguimos os socialistas", afirmou o representante socialista. 

Ademais, lamentou a ausencia do presidente da Xunta no evento. "Hoxe aquí en Monterroso debería estar a tomar nota, mais non o vexo. A quen si vexo é ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e aos compañeiros alcaldes socialistas", sinalou Gómez Besteiro.

Comentarios