Besteiro ve unha "oportunidade e responsabilidade histórica" volver gobernar a Xunta

"Somos a única alternativa para liderar ese cambio seguro, críbel e apoiado nun galeguismo útil que mellore a vida das nosas xentes", defendeu este sábado, ante o Comité Federal do PSOE.
Intervención de José Ramón Gómez Besteiro no Comité Federal do PSOE deste sábado. (Foto: Europa Press)
photo_camera Intervención de José Ramón Gómez Besteiro no Comité Federal do PSOE deste sábado. (Foto: Europa Press)

O recentemente proclamado candidato do PSdeG á Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, interveu este sábado no Comité Federal do Partido Socialista, onde asegurou que os socialistas galegos non só teñen a "posibilidade histórica" de gañar as eleccións galegas, "senón a responsabilidade histórica de conseguilo". Besteiro, que cualificou os próximos comicios de "oportunidade histórica", mostrouse convencido de que haberá un "cambio político" no país.

"Hoxe, o socialismo galego está forte, preparado, unido e convencido para o cambio que Galiza necesita. Somos a única alternativa para liderar ese cambio seguro, críbel e apoiado nun galeguismo útil que mellore a vida das nosas xentes", defendeu. O deputado tamén subliñou que a responsabilidade que asume o PSdeG "non é só coa Galiza, senón tamén coa necesidade de estender as políticas progresistas e de transformación social".

"Pedro [Sánchez], ti demostraches que España era máis. Pois imos facelo agora na Galiza. Imos darlle un goberno para que Galiza alcance a súa mellor versión", augurou, dirixíndose ao secretario xeral do partido e presidente do Goberno español en funcións.

Na súa intervención, Besteiro tamén confrontou o modelo socialista co do PP. "O PP de Raxoi, Feixoo e Rueda renunciou á Galiza, nun declive constante que xa dura 14 anos e no que confronta con todos, buscando un inimigo exterior que xustifique a súa incapacidade", lamentou, algo que considera "deslealdade institucional permanente". En contraposición, apuntou, os socialistas exixen ao Estado español o seu "lugar". "Pero cremos na Galiza e na España da convivencia e do diálogo", matizou.

Por último, Besteiro lembrou, emocionado, os anos que pasou afastado da política. "Nunca perdín a confianza na política, a pesar dos sete anos da miña vida que me custou chegar aquí, anos de mentiras e estratexias xudiciais da dereita para destruírme, pero hoxe é un día de felicidade", concluíu.

A nivel galego, o Comité Federal decorrido este sábado na sede socialista de Ferraz, en Madrid, serviu para ratificar Besteiro como candidato dos socialistas a presidir a Xunta. No discurso de apertura do Comité, o propio Pedro Sánchez se referiu ao dirixente galego.

"José Ramón vai ser presidente cando se convoquen eleccións na Galiza. Ten o apoio tanto da Comisión Executiva Federal como de todo o partido para que ese cambio sexa posible", aseverou.

Comentarios