As vendas da industria galega caen 7% en agosto e acumulan cinco meses de retroceso

No Estado, a cifra de negocios da industria baixou 6,2% o pasado mes de agosto en comparación co mesmo mes de 2022, debido, principalmente, ao retroceso das vendas da enerxía e dos bens intermedios, que diminuíron 17,7% e 13,1%, respectivamente.
As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)

A cifra de negocios da industria na Galiza caeu 7% en agosto respecto ao mesmo mes de 2022, un descenso máis acusado que a media do Estado (-6,2%), segundo informa o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta cuarta feira.

Deste modo, as vendas da industria galega acumulan cinco meses consecutivos de contracción interanual, xa que o último dato positivo que se anotou o pasado mes de marzo.

Canarias (+9,5%), A Rioxa (+3,7%) e Euskadi (+0,5%) foron os tres únicos territorios que rexistraron subas nas vendas en agosto. No lado contrario sitúanse as maiores baixadas de: Cantabria (-16,8%), Balears (-16,6%) e Asturias (-13,5%).

No que vai de ano, entre xaneiro e agosto, a cifra de negocios da industria galega acumula un retroceso de 0,2%, moi similar a 0,3% de diminución na media do Estado.

No Estado, a cifra de negocios da industria baixou 6,2% o pasado mes de agosto en comparación co mesmo mes de 2022, debido, principalmente, ao retroceso das vendas da enerxía e dos bens intermedios, que diminuíron 17,7% e 13,1%, respectivamente.

Descenso interanual

Co descenso interanual de agosto, a facturación da industria encadea xa cinco meses de caídas interanuais, aínda que a de agosto foi máis pronunciada que a rexistrada o mes anterior (-5,1%).

En termos mensuais (agosto sobre xullo) e en datos corrixidos de estacionalidade e calendario, a industria elevou as súas vendas 0,7% no Estado, unha décima menos que en xullo. Con todo, con esta repunta mensual, xa son dous os meses consecutivos nos que a industria aumenta a súa facturación.

Comentarios