A venda frustrada da Fábrica de Armas saelle cara a Hércules de Armamento

Un xulgado condea a antiga concesionaria da Fábrica de Armas a pagar 275.000 a un frustrado investidor que comprometía 4 millóns de euros para a factoría coruñesa
Fábrica de Armas da Coruña na época en que Hércules de Armamento tiña a concesión.
photo_camera Fábrica de Armas da Coruña na época en que Hércules de Armamento tiña a concesión.

A Fábrica de Armas está chamada a ser un referente das novas tecnoloxías na cidade da Coruña. O Ministerio de Defensa, o seu titular, e a Universidade da Coruña (UDC) chegaron recentemente a un acordo de cesión para levantar nas instalacións a coñecida como a Cidade das TIC, un campus onde convivirán empresas e estudantes e que aspira a ser un referente en todo o país. 

A UDC viu esta porta aberta após a marcha de Hércules de Armamento das instalacións. Esta compañía lograra gañar un concurso público que se convocara, tras moitos esforzos, co gallo de manter a actividade industrial na factoría, unha vez que a multinacional General Dynamics anunciara a súa decisión de marchar. 

Hércules de Armamento logrou así a concesión das instalacións, mais xa desde o primeiro momento tivo problemas para cumprir cos requerimentos impostos polo Ministerio de Defensa relativos ao persoal e ao pagamento dun canon anual, debido a que a actividade produtiva era prácticamente nula. 

A estas circunstancias sumouse tamén un conflito interno entre os socios da firma, que se saldou cun cruzamento de demandas e unha operación acordeón (redución a cero do capital social para depois amplialo) que deixou fóra a unha das partes e ao empresario Ramón Mejuto con plenos poderes.

Investidor frustrado

Agora, a través dunha nova sentencia, sábese que o empresario estivo a piques de conseguir un investidor para tratar de salvar un negocio condenado á ruína, como finalmente acabou. Nela, a Audiencia Provincial da Coruña obriga á empresa a devolver 275.000 euros á empresa Mundalia Proyects SL, un investidor frustrado que se comprometera a achegar catro millóns para facerse con 40% das participacións de Hércules de Armamento.

Varios aspectos chaman a atención sobre esta operación. O primeiro deles, o feito de terse producido en xullo de 2015, cando aínda non se cumprira nin tan sequera un ano da concesión. E, en segundo lugar, polo obxecto social da compradora, unha firma con sede en Barcelona dedicada á "intermediación, arrendamento, administración, explotación, en calquera forma de fincas rústicas e urbanas e a realización de toda clase de obras e construcións, tanto públicas como privadas...", tendo en conta que neste caso a propiedade pertence ao Ministerio de Defensa.

A sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, fai referencia ao acordo de venda de participación que Hércules de Armamento e Mundalia asinaron o 8 de xullo de 2015. A parte compradora fixo entrega de 275.000 euros, mais unha cláusula recollida no acordo dáballe a posibilidade ao investidor de recuperar eses cartos "sen prexuízo da reclamación da indemnización de danos e prexuízos que fose mester".

Ruptura das negociacións

As negociacións rompéronse o 30 de setembro de 2015,, entre outros aspectos pola "existencia dun contencioso na operación de redución-ampliación de capital co socio saínte, a inexistencia de contratos con provedores e clientes, a previsión dunha non renovación da concesión da fábrica de armamento, e en definitiva, as dúbidas sobre a viabilidade da empresa e a conveniencia de continuar co investimento".

Hércules de Armamento tratou de evitar sen éxito o pagamento desta cantidade. A Audiencia Provincial desestimou o seu recurso amparándose na inexistencia de "proba algunha" dun acordo "definitivo" para a transmisión das participacións posterior ao do 8 de xullo que impedise á parte demandante recuperar os seus cartos.

Comentarios