Os orzamentos para 2014 manteñen a aposta polo 'austericidio'

Os orzamentos para 2014 aplican o 'pensionazo', renuncian a potenciar a creación de emprego e seguen a recortar en dependencia, educación ou I+D+i. Ademais, o Estado recorta nun 27% os cartos de compensación territorial destinados a Galiza. Iso si, conxélase o salario de Rajoy: 6.515,42 euros ao mes.

 

Cristóbal Montoro
photo_camera Cristóbal Montoro

O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, presentou esta segunda o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (OXE), unhas contas que desde o goberno de Mariano Rajoy estanse a vender nestes días como os da “recuperación”. Mais non semella que haxa moitos datos para o optimismo. As contas do Estado contemplan para 2014 que a débeda pública case rozará o 100% do PIB, superando o billón de euros.

A cantidade que Galiza recibe do Estado nos fondos de compensación interterritorial cae nun  27,2%

Os orzamentos manteñen a aposta pola liña dos anteriores do executivo Rajoy: Hai recortes drásticos (de ate un 46,8%!) en materias como a Lei da Dependencia. OU en Formación Profesional, educación secundaria e escolas de oficios, cunha queda do 7 por cento.

A aposta por minguar e recortar vano notar especialmente @s pensionistas, pois para 2014 o goberno central contempla un incremento das pensións do mínimo, o 0,25%. Centos de milleiros de perceptores desta prestación notarán unha queda significativa no seu poder adquisitivo. O IPC subir´ça máis dun 1,5% segundo as previsións.

Menos cartos para as autonomías

Nestas contas tamén se contemplan menos cartos para as comunidades autónomas (un recorte do 13,6% nesta partida). Cristóbal Montoro non se cansou de afirmar que estes orzamentos son “a única porta” para saír da crise.

A listaxe de eidos afectados polos recortes nestes orzamentos para 2014 son de todo tipo: Haberá menos diñeiro para as baixas por enfermidade e maternidade e tamén para loitar contra a violencia machista (-1,5%).

Rajoy tamén fai sacrificios

O presidente do Estado español, Mariano Rajoy, verá conxelado o seu salario, gañando 6.515,42 euros mensuais. E a casa real española terá en 2014 un 2,3% menos de orzamento, co que deberán chegar a final de ano con 7,77 millóns de euros.

Desde a oposición xa sinalan que estes orzamentos supoñen recortar a cantidade de cartos para o gasto público, reducen o poder adquisitivo de salarios e pensións, e deixan máis espidos aos sectores sociais máis desprotexidos.

Comentarios