Todos os sectores da industria galega baixan a súa produción, excepto o enerxético

A produción industrial da Galiza cae en todos e cada un dos seus apartados, cunha taxa xeral negativa de 5,4% e coa excepción da xeración de enerxía, que avanza 17,1%.
Evolución interanual da industria galega por sectores en outubro de 2022 (Gráfica: INE / Nós Diario).
photo_camera Evolución interanual da industria galega por sectores en outubro de 2022 (Gráfica: INE / Nós Diario).

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) descendeu na Galiza 5,4% no mes de outubro en relación ao mesmo mes de 2021, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).

A Galiza foi, xunto a Estremadura e Asturies, unha das tres comunidades do conxunto do Estado español que viron como caeu o IPI no mes de outubro. Desta forma, a Galiza situouse como o segundo territorio cunha peor taxa na evolución da produción industrial, tan só por detrás de Estremadura, onde a caída alcanzou 19,5%. 

Con todo, os datos estremeños atópanse moi influenciados pola produción de enerxía (e do fechamento progresivo da central nuclear de Alcaraz), que caeu 42,8% en outubro motivando o dato negativo da taxa nesta rexión.

A caída, ademais, sitúa a evolución da produción industrial galega moi por baixo da media estatal, onde o IPI, no canto de diminuír, creceu 2,2%. Ademais, durante os dez primeiros meses do ano a produción industrial galega baixou 2%, mentres que no conxunto do Estado aumentou 3,3%. Nese período, a Galiza tamén é a segunda comunidade onde a produción industrial amosa unha peor taxa, tan só por detrás de Castela e León, que caeu 2,4%.

A nivel estatal, o IPI acumula medio ano de datos positivos continuados, mentres os datos desta taxa na Galiza mostran unha espiral negativa. Tanto é así que nos últimos 12 meses, até oito das variacións interanuais da produción industrial foron negativas.

Os bens de consumo non duradeiro á cabeza

Se os datos da industria estremeña -onde máis caeu o IPI- veñen motivados pola caída da xeración de enerxía, a situación da Galiza é totalmente a contraria, pois os sectores industriais do país descenden, a excepción do sector enerxético.

Á cabeza dos datos negativos está a produción de bens de consumo non duradeiro (-14,4%), seguida da de bens de consumo (-13,5%), da de bens intermedios (-9,6%), da de bens de equipo (-4,8%) e da de bens de consumo duradeiro (-0,7%). O único dos apartados que progresa na produción é o da enerxía, que avanza 17,1%.

Por baixo do Estado

A produción industrial da Galiza fica por baixo nos dez primeiros meses do ano 2022 da do conxunto do Estado español en case todos os ámbitos. Deste modo, o único sector produtivo no que o avance da Galiza se coloca por riba da media estatal é o dos bens de consumo, que avanzou 5,2% nestes 10 meses, en comparación coa cifra no Estado, de 4,5%.

No resto dos apartados, o avance a nivel estatal é maior que o da Galiza. Desta forma, mentres o avance da produción de bens de consumo non duradeiro no Estado español foi de 15,3%, na Galiza foi de 4,1%. Nos bens de consumo non duradeiro, a media estatal é de 4,5% pola de 4,4% na Galiza. Nos bens de equipo o avance estatal é de 5,7% e o galego de 1,7%. Finalmente, o avance na xeración de enerxía a nivel estatal nos dez primeiros meses do ano  é de 6,7%, mentres que na Galiza caeu 12,2%. Os bens intermedios caen nos dous casos, pero máis no galego (-4,7%) que no Estado (-1,3%). 

Comentarios