A actividade fabril da zona euro cae aos niveis do comezo da pandemia

Irlanda é o único Estado enquisado que obtén datos manufactureiros positivos.
Christine Lagarde, presidenta do BCE, está no albo das críticas (Foto: Boris Roessler / DPA).
photo_camera Christine Lagarde, presidenta do BCE, está no albo das críticas. (Foto: Boris Roessler / DPA)

A actividade manufactureira no conxunto da eurozona volveu rexistrar un novo descenso no mes de setembro, situándose no seu peor nivel nos últimos 27 meses, é dicir, desde que empezou a pandemia global da Covid-19, segundo se desprende do índice de xerentes de compras (PMI, polas súas siglas en inglés), publicado esta segunda feira por S&P Global.

O PMI é un indicador económico que inclúe informes e enquisas mensuais de empresas manufactureiras do sector privado. O índice sonda a xestores de compra, que son quen adquiren os materiais que se necesitan para que unha empresa manufacture os seus produtos.

En concreto, o índice situouse en setembro nos 48,4 puntos, desde os 49,6 enteiros observados en agosto. A consultora financeira atribuíu o descenso ás caídas de produción e dos novos pedidos.

Ademais, nalgúns casos os volumes de produción reducíronse en resposta aos altos prezos da enerxía. "A horríbel combinación dun sector manufactureiro en recesión e as crecentes presións inflacionistas aumentarán aínda máis a preocupación sobre as perspectivas da economía da zona euro", apostilou o economista xefe de S&P Global Market Intelligence, Chris Williamson.

En consecuencia das malas condicións económicas, a confianza empresarial caeu até o seu nivel máis baixo desde maio de 2020, o que levou ás empresas a reducir aínda máis a actividade de compras. 

Todos os Estados enquisados, coa excepción de Irlanda, experimentaron un índice por baixo dos 50 puntos, limiar que supón unha contracción da actividade. Por contra, os niveis por riba desta cifra equivalen a unha expansión.

Así, Irlanda obtivo unha cifra de 51,5 puntos, a súa máxima en 2 meses. Os dous peores datos foron para Francia (47,7 puntos) e Alemaña (47,9 puntos). Pola súa parte, o índice situouse no Estado español en 49 puntos. 

"Parece que o peor está aínda por chegar, xa que os novos pedidos diminuíron a un ritmo significativamente máis pronunciado que a caída da produción. Parece que se prevén máis recortes pronunciados da produción nos próximos meses, a menos que a demanda se reactive", apostilou Williamson.

Comentarios