Só un dos 71 proxectos de innovación industrial apoiados polo Goberno estatal é galego

A Compañía Española de Algas Mariñas, con sede no Porriño, é a única beneficiaria na Galiza.
A ministra de Industria, Reyes Maroto. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ministra de Industria, Reyes Maroto. (Foto: Europa Press)

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo vén de publicar a resolución provisional da liña de axudas a plans de innovación e sustentabilidade no ámbito da industria manufactureira no ano 2022, da que se beneficiaron un total de 71 proxectos, dos cales só un é galego.

Enmarcado dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, esta iniciativa mobilizará uns 103,9 millóns de euros entre préstamos e subvencións. En concreto, do importe total, 24,6 millóns corresponden a subvención directa e 79,3 millóns, a préstamo a tipo cero.

Catalunya e o País Valencià foron os territorios con maior número de concesións provisionais, cun total de 29 e 12, respectivamente. Con todo, na Galiza só unha firma obtivo esta axuda.

En concreto, a Compañía Española de Algas Mariñas, situada na localidade do Porriño, foi proposta para beneficiarse dunha axuda por valor de 726.000 euros e un préstamo que supera os 5 millóns de euros para o seu proxecto de caldeira de biomasa.

Tal e como explicou o Ministerio nun comunicado, con esta liña apóianse proxectos de I+D+i, así como actuacións enfocadas á sustentabilidade a través da mellora da eficiencia enerxética e a economía circular en liña co Green Deal da Unión Europea.

Todas estas actuacións aplícanse na cadea de valor da industria manufactureira e enmárcanse nalgunha das seguintes prioridades temáticas: economía circular e ecoinnovación, descarbonización, eficiencia enerxética, novas fontes de enerxía renovábel e redución de emisións contaminantes, materiais e produtos avanzados, innovación en procesos de calidade e seguridade, innovacións do proceso produtivo derivadas da prioridade de materiais e produtos avanzados.

Comentarios