venres 10.07.2020

Temor a que a negociación do Brexit desequilibre toda a zona pesqueira

As negociacións do Brexit que teñen que ver coa pesca seguen a marcar a súa propia axenda. O sector asegura estar satisfeito co equipo negociador comunitario mais non agocha o seu receo polo que considera unha actitude "agresiva" na postura británica. A perda de caladoiros non sería o máis tráxico de toda esta situación. O peor viría por un profundo desequilibrio en toda a zona.
Porto de Celeiro
Porto de Celeiro

A actualidade mundial da pandemia provocada pola COVID-19 semella que deixou nun segundo plano as conversas da saída de Gran Bretaña da Unión Europea (UE), entre elas a negociación do acordo pesqueiro que podería definir o destino da frota galega nos seus caladoiros tradicionais.

O sector confía en que as xuntanzas cheguen a bo porto. Jesús Lourido, xerente do Porto de Celeiro, e Iván López, presidente de Agarba, Asociación de Armadores de Buques de Bacallau e do Consello Consultivo Rexional de Longa Distancia (LDAC), coinciden en sinalar a Nós Diario o bo traballo que está a realizar o equipo negociador por parte da UE.

"Michel Barnier ten unha gran sensibilidade cara ao tema da pesca, fora ministro de pesca francés no seu momento e coñece as complexidades do sector", asegura López. Aínda así están á espreita do que aconteza nos vindeiros días. "Xa non hai unha negociación marco grande como hai uns meses, hai unha negociación por mesas, en concreto 11 mesas abertas", relata, "e se falamos ben de Barnier podemos criticar os servizos da comisión con inercias que veñen doutros anos e que non están a pór a enerxía política que se debería empregar", engade López. 

A estratexia británica

Todo o proceso do Brexit está a complicarse polos cambios de postura de Gran Bretaña e a negociación dos seus caladoiros de pesca segue o mesmo camiño. "Dous anos e medio para definir o que querían e ter que recoñecer que o señor Johnson foi capaz de desbloquear algo indica moito o mal que estaba o asunto", asegura Iván López, "os británicos están xogando unha táctica demasiado agresiva", engade. 

Cre que tentan illar a pesca de todo o demais "e non ten sentido". Nesta negociación "a pesca é o único sector onde Gran Bretaña ten que facer unha concesión e no resto témolo os demais". Por ese motivo aseguran que  non se entendería que non se conseguise o que piden, "que é estar como estamos, unha posición razoábel para todos", engade. 

Polo seu lado Jesús Lourido asegura que "hai expectativas altas, non temor, de ver como evolucionan as negociacións". Relata a Nós Diario que "sempre se mencionou que a produción da frota comunitaria nas augas británicas pode chegar a 70% de volume, mais temos claro que máis de 70% da produción británica comercialízase na UE". Esa é a razón pola que confían en que o acordo non tarde en materializarse. 

Temor a desequilibrar toda a zona

Segundo Iván López, o risco non está en que a frota galega ou a española perdan eses caladoiros. "Barcos que pesquen directamente neles todo o ano hai moi poucos e poderían perder algo da súa actividade se houbese un feche total", asegura. O perigo viría polo desequilibrio que padecería toda a zona.

"Nós estamos no chamado box irlandés, e se se fechan as augas que agora se están a negociar con Gran Bretaña, onde pescan outros barcos comunitarios, habería un desprazamento de esforzo pesqueiro cara a esa zona", explica. O equilibrio acadado en 40 anos de política europea podería desaparecer se hai un mal acordo, e o sector pesqueiro sábeo.

"Sendo a maior nación pesqueira de Europa non podemos non estar coliderando este tema cos outros países e tendo moi en conta que calquera desequilibrio na pesca europea sempre lle afectaría a Galiza por ser os máis grandes e estar en máis sitios", asegura López. 

Os prazos de finalización das negociacións entre Gran Bretaña e a UE están aí. Malia todo, as conversas continuarán estas semanas e desde o sector cren que poderían ter en conta outras datas e seren máis flexíbeis. "Falábase de 30 de xuño, mais se as partes e os equipos negociadores están en disposición de ficar máis tempo, pódese ampliar até 31 de decembro deste ano", asegura Jesús Lourido.

comentarios