A tarifa do gas regulada individual encarece 8,19% de media este trimestre

A tarifa de último recurso (TUR) de gas natural individual subirá 8,19% de media a partir de hoxe, 1 de xaneiro. Para un cliente medio TUR 1 (cociña e auga quente sanitaria) suporá un aumento de 11,35% na súa factura anual con impostos, mentres que para un da TUR 2 (cociña, auga quente sanitaria e calefacción) representará unha suba de 12,69% na súa factura anual con impostos.

Sede de Natrugy. Foto: Eduardo Parra / Europa Press
photo_camera Sede de Natrugy. Foto: Eduardo Parra / Europa Press

A tarifa de último recurso (TUR) de gas natural individual subirá 8,19% de media a partir desta segunda feira, día 1 de xaneiro, en relación ao prezo en vigor desde a anterior revisión do pasado 1 de outubro.

En concreto, para un cliente medio TUR 1 (cociña e auga quente sanitaria) suporá un aumento de 11,35% na súa factura anual con impostos -co IVE, fixado para este primeiro trimestre en 10%, ao 21% o incremento sería de 22,49%-, mentres que para un da TUR 2 (cociña, auga quente sanitaria e calefacción) representará unha suba de 12,69% na súa factura anual con impostos -co IVE ao 21% o crecemento sería de 23,95%-.

Mentres, para un cliente TUR 3 (pemes) a revisión a partir deste mes de xaneiro suporá un aumento de 13,31% na súa factura anual con impostos -co IVE ao 21% o crecemento sería de 24,64%, segundo a resolución publicada a pasada sexta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE) coa revisión de prezos para este próximo trimestre.

Na actualización aplicouse o vixente límite de 15% ao crecemento do custo da materia prima na fórmula de cálculo para impedir unha subida maior.

Desde a entrada en vigor do RD Lei 17/2021, atenuouse considerabelmente o impacto dos elevados prezos do gas natural sobre os recibos dos consumidores, cun descenso medio aproximado na súa factura anual desde a aplicación da media dun aforro de 29,14 euros/ano para un cliente medio TUR1, duns 103,72 euros/ano para un cliente medio TUR2, e duns 272,28 euros/ano para un cliente medio TUR3.

A TUR de gas natural é unha tarifa regulada á que pode acollerse calquera consumidor conectado a redes de gas natural de presión inferior ou igual a 4 bar e cuxo consumo anual sexa inferior ou igual a 50.000 quilowatts hora (kWh). Mediante o Real Decreto-lei 18/2022, do 18 de outubro, ampliouse a súa aplicación ás comunidades de propietarios e empresas de servizos enerxéticos que lles presten servizo.

A TUR de gas natural revísase trimestralmente o día 1 dos meses de xaneiro, abril, xullo e outubro de cada ano, producíndose a súa actualización sempre que o custo da materia prima incluído na tarifa experimente unha variación á alza ou á baixa superior ao 2% respecto ao valor empregado na tarifa en vigor ou, en calquera caso, cando entren en vigor novas peaxes ou canons. O seu valor faise público no BOE.

O Real Decreto-lei 17/2021, do 14 de setembro, de medidas urxentes para mitigar o impacto da escalada de prezos do gas natural nos mercados retallistas de gas e electricidade, limitou en 15% o incremento do custo de materia prima incluído na TUR en vigor o 1 de xaneiro de 2022. Esta medida foi prorrogada até esta próxima revisión do 1 de abril de 2024, mediante o artigo 37 do Real Decreto-lei 8/2023.

O custo da materia prima nesta revisión depende do custo do gas de base e do custo do gas estacional. Nesta revisión limitouse o incremento ao citado 15%, até os 3,32 céntimos/kWh, pero o seu incremento tería sido do 19% respecto ao valor vixente polo novo custo do gas, que de base nesta revisión sería de 26,35 euros/MWh, o que supón unha suba do 4,45% respecto a a tarifa vixente.

A TUR veciñal aumenta entre un 5,17% e un 7%

O custo da materia prima da TUR veciñal é de 3,36 céntimos/kWh, un 7,59% superior ao empregado na tarifa en vigor desde o pasado 1 de outubro. Desta maneira, a partir do 1 de xaneiro de 2024, o termo variábel da TUR veciñal aumenta entre un 5,17% e un 7%.

Así, a TUR4 elevarase nun 5,17%, a TUR5 nun 5,28%, a TUR6 nun 6,12%, a TUR7 nun 6,83%, a TUR8 nun 6,88%, a TUR9 nun 6,92%, a TUR10 nun 6,94% e a TUR11 nun 7,00%.

En outubro do ano pasado, o Goberno español aprobou “un escudo” de 3.000 millóns de euros para protexer aos consumidores das tarifas reguladas de gas de posíbeis subas, que na práctica representa unha subvención directa ás facturas da clientela.

Isto provocou un aluvión no transvasamento de consumidoras e consumidores á tarifa regulada de gas natural. No caso das comunidades de propietarios con caldeiras comunitarias de gas natural acollidos á nova tarifa está cifra non foi tan alta.

Comentarios