Condenan Unión Fenosa e Gas Natural por conduta abusiva tras facturar con consumos estimados

O fallo, susceptíbel de recurso ante o TS, prohibe a estas empresas continuar con estas prácticas agás nos casos legalmente previstos.

Operaria de Endesa. (Foto: Endesa)
photo_camera (Foto: Endesa).

A Audiencia Provincial da Coruña condenou Unión Fenosa Distribución S.A e Gas Natural S.U.R SDG S.A por condutas abusivas contra os consumidores ao incumprir a obriga de realizar lecturas de consumo real da electricidade nos contadores e facturar mediante valores estimados.

En concreto, estimou o recurso de apelación interposto polo Ministerio Fiscal contra a sentenza ditada en primeira instancia polo Xulgado do Mercantil número 1 da cidade. A resolución, en todo caso, é susceptíbel de ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.

O proceso orixinouse nunha demanda formulada pola Fiscalía na que se exercitaba unha acción colectiva contra estas dúas empresas que forman parte dun mesmo grupo empresarial que opera no sector eléctrico.

Unión Fenosa exercía a distribución de enerxía eléctrica e Gas Natural de empresa comercializadora, polo que se encargaba de mandar as facturas aos seus clientes cos datos facilitados pola distribuidora.

Impón ás empresas a obrigación de informar o Xulgado sobre as medidas adoptadas para previr a reiteración no futuro destas condutas e fixa un prazo de 3 meses para o seu cumprimento

A demanda fundamentábase en que a distribuidora incumprira de forma reiterada a obriga de efectuar as lecturas dos consumos eléctricos reais dos clientes, o que determinaron que a firma comercializadora facturase mediante valores estimados máis aló do prazo de dous meses permitido pola normativa sectorial aplicábel.

Cobrar o aluguer do contador

Ademais e a pesar de emitir facturas nas que non se incluía o consumo real, seguía cobrando o aluguer do contador aos consumidores e en ningunha factura informábase dos motivos concretos polos que levaba a cabo esta práctica.

Na sentenza declárase abusiva a conduta consistente en non efectuar as lecturas de consumo real de electricidade e tamén a de emitir e mandar facturas que inclúan consumos de electricidade estimados. Tamén se declara abusivo o cobro do aluguer do contador nas facturas con consumos estimados e a ausencia de información das razóns polas que non se tivo en conta o consumo real.

O fallo recolle a prohibición ás demandadas de efectuar lecturas e emitir e xirar facturas con consumos estimados, agás nos casos legalmente previstos. Así mesmo, establece a "vinculación aos seus pronunciamientos das persoas físicas ou xurídicas que incorran na mesma práctica aínda que non fosen parte no proceso".

Por último, impón ás empresas a obrigación de informar o Xulgado sobre as medidas adoptadas para previr a reiteración no futuro destas condutas e fixa un prazo de 3 meses para o seu cumprimento, impondo unha multa coercitiva de 40.000 euros por cada día de atraso no cumprimento da mesma.

Comentarios