Abaratou a electricidade? O prezo da luz baixa considerabelmente en 2023, mais segue case o dobre de cara que antes da pandemia

O prezo da electricidade fechou 2023 nunha media de 87,1 euros por megawatt hora (MWh), o que supón unha redución de máis da metade (-58%) en comparación co dato de 2022.
Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).

O prezo da luz para as persoas usuarias de tarifa regulada vinculadas ao mercado almacenista fechou 2023 nunha media de 87,1 euros por megawatt hora (MWh), o que supón unha redución de máis da metade (-58%) en comparación co dato de 2022, cando a crise enerxética levou o prezo a un custo medio histórico de 209 euros.

Ademais, a factura tería sido considerabelmente máis elevada de non ser polo 'mecanismo ibérico' (que non ten efecto desde febreiro de 2023) e pola limitación dos beneficios caídos do ceo das eléctricas. Ambas as medidas deixarán de ter vixencia coa entrada do novo ano.

Desta maneira, o prezo medio da electricidade en 2023 situouse algo por baixo do dato rexistrado no ano 2021, cando a luz marcou unha media de 111,93 euros/MWh, unha cantidade que, á súa vez, supuxo o anterior récord histórico previo á cifra de 2022.

Así mesmo, o prezo medio do 'pool' eléctrico en decembro situouse en 72,17 euros/MWh, por debaixo dos 96,95 euros/MWh que marcou de media o custo da luz no mesmo mes de 2022, o que implica un descenso interanual de 24,5%.

En concreto, o prezo medio a luz en xaneiro situouse en 69,55 euros, en febreiro en 133,47 euros, en marzo en 89,6 euros, en abril en 73,73 euros, en maio en 74,2 euros, en xuño en 93 euros, en xullo en 90,4 euros, en agosto en 96 euros, en setembro en 103,34 euros, en outubro en 90,1 euros e en novembro en 63,44 euros.

Case o dobre que antes da pandemia

En 2020, no ano do estalido da pandemia, coa caída da demanda de electricidade derivada da menor actividade económica, o prezo da luz caeu con respecto aos exercicios anteriores, rexistrando un prezo medio de 33,96 euros/MWh.

Porén, a caída do custo da luz en 2020 non foi especialmente intensa na comparanza co ano anterior, cando o prezo medios da electricidade foi de 47,68 euros/MWh. De feito, no período decorrido entre 2014 e 2019, nos anos previos á crise do Covid, o prezo da luz oscilou entre 39,67 euros/MWh (o custo medio en 2016) e 57,29 euros/MWh (o prezo medio de 2018).

Deste modo, corrobórase que aínda que a percepción cidadá poida ser a dun abaratamento considerábel da electricidade, na realidade, tendo en conta os anos anteriores á actual crise enerxética e de prezos, o custo da luz foi en 2023 practicamente o dobre de caro que o de antes da pandemia.

Comentarios