Só 9% dos concellos galegos accede á totalidade das ofertas de telefonía

O BNG exixe a CNMC que modifique a regulación para garantir de modo efectivo a igualdade de dereitos na Galiza á hora de escoller compañía de telefonía.
Antenas de telefonía (Foto: Nós Diario).
photo_camera Antenas de telefonía (Foto: Nós Diario).

A Comisión dos Mercados e a Competencia (CNMC) distribuíu en outubro de 2021 os concellos de todo o Estado en dúas zonas diferenciadas, atendendo ao servizo que prestan as operadoras telefónicas.

Creáronse así a chamada "zona libre", aquela na que se poden atopar tres ou máis redes de banda ultra-ancha, deixando ás compañías total flexibilidade para a configuración das súas ofertas e prezos, e a "zona regulada" no resto de municipios, nos que só existen unha ou dúas operadoras, polo que a CNMC entende que as tarifas teñen que estar supervisadas, o que implica determinadas restricións para as compañías telefónicas á hora de configurar a súa oferta comercial.

Ante esta situación, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas reclamando ao Goberno do Estado que tome medidas para garantir a igualdade de dereitos das persoas consumidoras. 

Nas zonas reguladas as operadoras teñen certas restriccións para ofertar precios competitivos 

Neste senso, critica que a regulación da CNMC "impide o acceso ás ofertas máis competitivas nas zonas reguladas, o que obriga en moitas ocasións a acollerse aos paquetes máis caros das compañías que operan nese territorio".

De facto, apunta Rego, estase a impedir que as persoas consumidoras da maioría dos concellos galegos poidan acceder ás mellores condicións das compañías telefónicas.

"Dos 313 concellos existentes na Galiza, só 9% dos municipios están incluídos nesa chamada zona libre, mentres que ao resto de galegos e galegas impídeselle contratar as mellores ofertas das distintas operadoras" denuncia o deputado do BNG.

En opinión de Rego, a regulación debería garantir que se ofreza en todos os casos unha tarifa a prezo de mercado nas mesmas condicións que nos concellos da "zona libre".

Comentarios