Os sindicatos critican a insistencia da Xunta cos biocombustíbeis nas Pontes

Conde pon condicións a Endesa e o Goberno español para facer viábel económicamente un proxecto co que a Xunta intenta evadir responsabilidades.
Protesta dos traballadores das Auxiliares das Pontes o pasado día 17 en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Protesta dos traballadores das Auxiliares das Pontes o pasado día 17 en Compostela (Foto: Arxina).

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, defendía esta cuarta feira no Parlamento galego o seu proxecto para a central térmica das Pontes, baseado na queima de biocombustíbeis. Fíxoo con vehemencia, chegando a acusar o deputado do BNG que lle interpelou de "non ter nin a máis remota idea de política enerxética". 

Mais o titular de Economía, que fixo esta proposta á marxe do comité técnico, obviou que o seu plan non é viábel economicamente (a pesar de defender o contrario), xa que para iso precisa dunhas elevadas bonificacións no prezo da enerxía ─sen ter en conta o custo das emisións, cos prezos do CO2 disparados─ que o Goberno español non está en disposición de garantir; primeiro, porque non ten previsto realizar poxas para primas deste tipo e, en segundo lugar, porque se as fixese tería que ser en concorrencia competitiva con outros centros de produción. 

Para os sindicatos, a Xunta tense que sentar cos ministerios de Transición Ecolóxica e de Traballo para abordar a situación dos traballadores das Pontes ao máis alto nivel. Desde os sindicatos lembran que teñen solicitadas desde o día sete reunións con estas tres administracións sen obter até o de agora resposta. 

Para Alberte Amado (CIG) "o que non pode ser é que, despois de dous anos cun comité técnico traballado, a Xunta se descolgue o día antes da última reunión cunha proposta propia, con deberes para Endesa e o Ministerio e na que ela non asume ningunha responsabilidade".

Na súa opinión, "parece máis unha estratexia política que un proxecto realizábel", sobre todo cando o Executivo xa lle negou a prima enerxética que solicitaban por entender que non é un proxecto renovábel. 

"Que se decidan dunha vez. O que non poden é estar xogando coa xente", denuncia Amado, que lembra que para dar resposta ás necesidades de queima de biocombustíbeis das que fala a Xunta, "bastaría con construír unha planta pequena de 50 megavatios (MW) que si ten bonificacións". 

Nicasio Pena (UXT) opina que "a Xunta féchase aí porque é a única saída que ten" e lembra que todas as solucións que propón están condicionadas aos fondos europeos. "Todo é papel, pero realmente efectivo non hai nada", apunta.

Pena incide no feito de que o día 30 vence o acordo entre Endesa e os traballadores das auxiliares e que, mentres non feche a central, haberá "uns servizos mínimos" para cubrir o funcionamento do único grupo operativo na térmica das Pontes. 

Tamén lembra que a propia Endesa, propietaria da central, desbotou operar esa planta de biocombustíbeis que defende o conselleiro Conde. Mesmo chegou a ofrecerlle as chaves no caso de que houbese algún investidor interesado, como podería ser o caso do Grupo Tojeiro, segundo desliza Pena, que xa é socio da Xunta na planta de Reganosa. 

Na mesma liña, José Hurtado (CCOO) criticou o feito de que dous anos despois de anunciar Endesa o feche da central, a Xunta non teña ningún proxecto viábel sobre a mesa. "Todo o mundo manda a pelota dun lado a outro e ao final os prexudicados son os traballadores", lamenta. Por iso pide ás Administracións que senten a falar e busquen unha saída definitiva. 

Novas mobilizacións

O día 27 hai convocada en Ferrol unha gran marcha para exixir un futuro para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Nese acto estarán tamén presentes os traballadores e traballadoras das Pontes que, por outra banda, xa están elaborando un calendario de mobilizacións para as próximas semanas que se irán intensificando a medida que se achegue o 30 de xuño, data na que deixará de ter vixencia o acordo entre Endesa e as auxiliares. 

Segundo apuntan fontes sindicais a Nós Diario, a próxima segunda feira está prevista a montaxe de tendas de campaña ante o Concello das Pontes e non se descartan novas mobilizacións na zona para reclamar ás Administracións que asuman a súa responsabilidade e procuren unha saída ás ducias de persoas que poden quedar sen emprego.

Comentarios