As auxiliares de Endesa nas Pontes mobilízanse en Compostela contra o seu feche a finais deste mes

O prazo comprometido por Endesa para manter os postos de traballo das auxiliares remata este 30 de xuño. As alegacións da Xunta e o Concello das Pontes impiden o inicio do proceso de desmantelamento por uns meses e quedan sen garantía os empregos. Convocado pola CIG, CCOO e UXT, o persoal afectado concentrouse onte en Compostela para presionar o Goberno galego.
Concentración en Compostela da Coordinadora da Industria Auxiliar da Central Térmica das Pontes (Europa Press).
photo_camera Concentración en Compostela da Coordinadora da Industria Auxiliar da Central Térmica das Pontes (Foto: Europa Press).

A Coordinadora da Industria Auxiliar da Central Térmica das Pontes concentrouse esta quinta feira diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza en San Caetano, Compostela, para exixir unha garantía de emprego unha vez remate o prazo concedido até o 30 de xuño. Esta situación afectaría un total de 160 traballadoras e traballadores, entre persoal nas Pontes e o que está no porto de Ferrol, ademais de máis de 100 camioneiras e camioneiros que levan dous anos sen traballar. 

Os sindicatos que convocaron esta protesta (CIG, CCOO e UXT) lembran que levan dous anos de mobilizacións e denuncian nun comunicado "como o Ministerio e a Xunta, co beneplácito de Endesa, xogan co noso futuro, enfróntanse entre elas, buscando pasarse a responsabilidade". 

Alberte Amado (CIG) explica a Nós Diario que o proceso administrativo, coas alegacións da Xunta e o concello das Pontes, non pode rematar a finais de mes co despedimento do persoal da industria auxiliar". A idea da coordinadora é que, como indica Amado, "a través da Xunta e das demais Administracións, poidamos obrigar a Endesa a seguir mantendo o nivel de emprego actual até o final do proceso". 

O futuro de Endesa nas Pontes

Para a coordinadora, desde Endesa, "coa desculpa da tramitación ordinaria do fechamento da térmica, que alonga os prazos, tampouco concreta cal é o futuro que lles agarda ás traballadoras e traballadores da central". Amado apunta que a empresa debería "concretar dunha vez por todas proxectos reais".

Sobre este tema sinala que o proxecto que presentou a Xunta en Madrid "é o mesmo que leva máis de dous anos estudando", polo que debería "executalo e buscar un terceiro investidor ou que pasemos páxina e procurar alternativas reais". Este sindicalista cre que "é máis que dubidosa a súa implantación por considerar o Ministerio de Transición Ecolóxica que a prima á produción que implicaba non é viábel". En todo caso, Amado critica que "as Administracións están deixando nun limbo as traballadoras e os traballadores". 

Nicasio Pena (UXT) pensa que esta circunstancia é "a escusa perfecta que ten Endesa para desentenderse do que está acontecendo" por pasar a botar a culpa "ás Administracións de non darlles a autorización para o fechamento" e proceder ao desmantelamento. Explica que a situación agora mesmo é crítica. "Están trasladando para outros territorios todo o persoal de Endesa e as compañías auxiliares quedarían sen traballo", conta a Nós Diario.

Pon como exemplo a compañía de limpeza Jofra, que xa comunicou nas Pontes á representación sindical a súa intención de presentar un expediente de regulación de emprego (ERE) pola falta de carga de traballo que terían a partir do mes de xullo. A empresa, segundo Pena, ten os contratos subrogados, polo que o seu persoal debería continuar, caso de que houbese actividade e se procedese ao seu desmantelamento. O tempo corre en contra por ter catro meses para presentar alegacións "co persoal sen traballo". 

Críticas ás Administracións

Os sindicatos censuran a actuación, até o de agora, das Administracións públicas. Desde a coordinadora solicitaron reunións coa ministra de Transición Ecolóxica, coa de Traballo e co presidente da Xunta da Galiza, "sen resposta ningunha malia que as pedimos pola vía de urxencia", informan desde a CIG. 

Desde a UXT falan de "prexuízo" ao persoal das auxiliares que xa tiña un acordo con Endesa para pasar a facer formación e colaborar nas tarefas de desmantelamento e evitar, desta maneira, "que tivesen que ir ao desemprego" a partir desde 30 de xuño. A empresa enerxética, segundo Pena, négase a iniciar os cursos "por non saber cando autorizarán o fechamento".

Comentarios