martes 22/06/21

Conde insiste na queima de biocombustíbeis nas Pontes

A Xunta leva á Mesa de Transición Xusta das Pontes unha proposta para queimar biocombustíbeis na central que xa fora rexeitada por inviábel.
28913705304_b2de72bbaf_o
Central térmica das Pontes (Foto: Endesa)

A Xunta presentouse esta cuarta feira na reunión da Mesa de Transición Xusta das Pontes cun plan para queimar biocombustíbeis, que para o único que serviu foi para quentar os ánimos entre os asistentes. 

A proposta defendida polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, baséase en reconverter a central térmica ─cun investimento de 30 millóns de euros─ nunha planta de biocombustíbeis que, segundo as súas estimacións, permitiría crear 80 empregos na central e outros 30 nas auxiliares. 

A idea da Xunta, que xa fora rexeitada no seu día pola empresa ao considerala inviábel, incorpora agora unha petición ao Goberno estatal para que artelle un mecanismo polo que a planta poida contar cunha prima de 30 euros megavatio hora para que sexa viábel, unha proposta que nin tan sequera puxo Conde sobre a mesa nas negociacións para salvar Alcoa ou Alu Ibérica.

Deste modo, a Xunta tratou unha vez máis de disimular a falta dun verdadeiro plan industrial para a comarca impulsado desde o Goberno galego, que nada ten que ver co Pacto do Estado que vende desde hai uns meses e que deixa en mans do Goberno estatal calquera solución para evitar a crise económica e social que atravesan estes concellos. 

O problema é que con esta patada adiante da Xunta quedaron sen tratar os asuntos que máis preocupan aos traballadores e traballadoras que dependen do futuro da central, como a tramitación administrativa do feche e a continuidade dos empregos nas auxiliares.

Representantes dos traballadores consideran que a reunión "non foi positiva" xa que non se prolonga o emprego máis aló do 30 de xuño, "nin hai garantía de que non haxa despedimentos".

Nesta liña, Alberte Amado (CIG) lamenta que, despois de ano e medio de proceso e cando en xaneiro dábase un prazo de 15 días para buscar unha solución, continúe a "incerteza".

Apunta ao "enfrontamento" entre Xunta e Goberno estatal, dado que Endesa insiste en que o proxecto de Conde "non se axusta a realidade" e non está disposto a levalo adiante, mais accedería a botarse a un lado se hai un terceiro que o asuma, di Amado. 

Neste senso chama ás partes a "non seguir perdendo tempo" e apostar por "alternativas reais" que garantan o emprego e eviten os despedimentos o 30 de xuño, xa sexan proxectos de Endesa ou con fondos europeos.

comentarios