Os sindicatos agrarios piden equiparar as axudas ao vacún de carne ás do leite

Reclaman á Xunta compensar a discriminación ás pequenas explotacións nas axudas pola Covid.
Vacas nunha explotación gandeira galega (SLG).
photo_camera Vacas nunha explotación gandeira galega (SLG).

O Sindicato Labrego Galego (SLG) ofreceu na quinta feira unha rolda de prensa en Lugo para valorar a recente sentenza que confirma a discriminación na orde de axudas pola Covid ás pequenas explotacións de gando vacún por parte da Consellaría do Medio Rural. 

No transcurso da mesma, a secretaría xeral do SLG, Isabel Vilalba, explicou que na convocatoria excluíanse as granxas con menos de dez vacas ama de cría. 

"Das 19.000 granxas do sector da carne na Galiza, só chegaron esas axudas a 4.600 explotacións", denunciou Vilalba, quen exixiu que, após o fallo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), a Xunta "habilite o orzamento necesario para paliar esta discriminación que está recoñecida por sentenza".

"Tamén queremos que se mire o criterio de xénero, porque aquí penalízase ás mulleres que traballan nas granxas, porque moitas mulleres no rural teñen que asumir, ademais, os coidados das persoas maiores e dependentes e fan unha función territorial moi importante", subliñou a secretaria do SLG.

A este respecto, o coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, compartiu ás críticas do SLG pola discriminación por parte da Consellaría de Medio Rural  a unhas explotacións que, como apuntou, "son as que axudan a manter o territorio". 

Axudas ao sector

Ademais de reclamar partidas para compensar este agravio, desde o Sindicato Labrego cualificaron de "insuficientes" as axudas que se destinan ao sector do vacún de carne, un aspecto sobre o que tamén se pronunciou o secretario  xeral de Unións Agrarias, Roberto García, quen pediu a Xunta que complete as axudas do Ministerio de Agricultura.

En concreto, García sinalou que agarda que, tan pronto se confirme o novo Goberno galego, este tome a decisión que adoptaron outros territorios e iguale o da carne co do leite.

"Se o Goberno español pon 210 euros por vaca de leite e 60 euros por vaca de carne, a Xunta debería completar iso ata chegar aos 200 euros (para vacún de carne)", indicou García. 

Porén, a Fruga non comparte esta idea. Aínda que entenden que se foi o propio conselleiro de Medio Rural, José González, o que recoñeceu que a situación do vacún de carne  era "peor" que a do leite, "o lóxico sería que a Xunta intente axudar", neste caso cre que é Agricultura a que debería equiparalas para que non sexan os galegos e as galegas as que paguen este "trato discriminatorio". 

Comentarios