Rebentan o pleno en Ourense e acampan diante de Novagalicia banco na Illa

Seguen as acción de titulares das preferentes. Os ánimos ferveron máis aínda após coñeceren que só poderán recibir polos activos o valor que marque o mercado máis un 10%. É dicir, quen que asuman perdas de até o 70% dos investimentos, e non están dispost@s a consentilo

Cada vez quedan menos días do calendario sen teren anotada algunha mobilización das persoas estafadas no fraude das participacións preferentes e das obrigas subordinadas de Novagalicia Banco.

A solución da arbitraxe, achegada pola Xunta, funcionará unicamente para ao redor de cen d@s 45 mil afectad@s desta entidade, 100 mil se contamos todos os casos rexistrados na Galiza. Con todo, o resto de entidades foron solucionando o problema ao trocaren as participacións por accións ou do reintegro dos cartos. Ao non cotizar en bolsa, Novagalicia Banco non pode acudir á vía do intercambio de preferentes por accións.

As últimas novas ao respecto desta estafa deunas o ministro De Guindos no Consello de ministr@s da pasada sexta: non poderán perceber polos seus activos un valor alén do que poña o mercado máis un 10 por cento. Ou sexa, que estes milleiros de afectad@s van ter que sumir perdas de até o 70% nos seus investimentos. E a isto hai que engadir que o FROB vai ter potestade para impor a canxe obligatoria, sen poder os e as afectadas recurrir a decisión. Coñecidas as novidades, repasamos aquí embaixo as últimas mobilizacións.

Ourense: Toman un pleno e exixen "unha solución política"
Durante a sesión en que se aprobaron os orzamentos municipais medio cento de persoas afectadas irrumpiron no salón de plenos do concello de Ourense para lle reclamaren á corporación "unha solución política". Ante esta situación, o rexedor ourensán, Francisco Rodríguez (PSOE) parou o desenvolvemento da sesión e cedeu @s manifestantes a quenda de palabra. Feitas as reclamacións, abandonaron a sala.

Ferrolterra: Buscan apoio en BNG e Esquerda Unida
A diferencia do acontecido en Ourense, o rexedor ferrolán José Manuel Rey Varela (PP) impediu a entrada no concello aos colectivos que se achegaron para transladarlle o seu malestar no caso das preferentes. Após anunciaren que porán os feitos en coñecemento do xuíz, nesta fin de semana outros dous grupos, Paps e Apres, botáronse á rúa para visibilizar a estafa que soportaron. O primeiro grupo concentrouse diante da sucursal de Novagalicia Banco ubicada fronte ao concello; o outro mantivo un encontro con dous dos grupos da oposición, BNG e Esquerda Unida, para facelos partícipes das súas demandas e exixir que lles volvan o cen por cen dos aforros.

Lugo: Desconfian na arbitraxe e anuncian máis protestas
Tamén na cidade da muralla foron as oficinas do banco que estafou 45 mil persoas en toda Galiza o escenario escollido polas ao redor de cen persoas que se mobilizaron pola devolución dos seus cartos. Manifestaron o seu desacordo e desconfianza co procedemento da arbitraxe, para alén de que non garante o diñeiro de tod@s @s afectad@s. Advertiron de que non pararán até ter os cartos de volta nas contas, e de que calquera outra intención, ora do banco ora da Xunta, contará co seu rexeitamento e haberá máis protestas.

A Illa: Acampada diante de Novagalicia Banco
Após unha manifestación e unha concentración diante das oficinas desta entidade que se prolongou cunha acampada na noite da sexta feira ao sábado, decenas de afectad@s polas preferentes e polas obrigas subordinadas decidiron levantar as tendas que segundo o plan inicial permanecerían alí toda a fin de semana. Explicaron que lles cómpre descanso, pois para a semana que entra o calendario contempla mobilizacións da segunda á sexta ao mediodía diante da sucursal bancaria.

Comentarios