O sector industrial recorta as súas vendas 10,9% en xuño na Galiza

A nivel estatal as vendas reducíronse 7% debido, principalmente, ao retroceso das vendas da enerxía e dos bens intermedios, que diminuíron 40,8% e 11,7%, respectivamente.
Traballadores do sector industrial (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadores do sector industrial. (Foto: Nós Diario)

A cifra de negocios da industria baixou na Galiza 10,9% o pasado mes de xuño en comparación co mesmo mes de 2022, segundo datos difundidos esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A nivel estatal fíxoo 7% debido, principalmente, ao retroceso das vendas da enerxía e dos bens intermedios, que diminuíron 40,8% e 11,7%, respectivamente.

O índice de cifra de negocios aumenta respecto a xuño de 2022 en cinco autonomías e diminúe nas outras 12. Os maiores descensos prodúcense en Murcia (-26,3%), Asturias (-24,9%) e Andalucía (-17,7%). Os maiores incrementos prodúcense en Canarias (8,5%), Nafarroa (8,0%) e A Rioxa (5,0%).

Co descenso interanual de xuño, a facturación da industria encadea xa tres meses de caídas interanuais, aínda que a de xuño foi máis pronunciada que a de maio (-2,9%) pero menor á que se rexistrou en abril (-8,1%).

Termos mensuais

En termos mensuais (xuño sobre maio) e en datos corrixidos de estacionalidade e calendario, a industria recortou as súas vendas 2,8%, en contraste co repunte de 1,2% que experimentou o mes anterior. O descenso mensual de xuño é o máis pronunciado desde o pasado mes de marzo, cando as vendas do sector retrocederon un 2,9 por cento.

Comentarios