A produción industrial elévase unha décima na Galiza

A lixeira repunta do mes de abril contrasta coas caídas xeneralizadas no Estado.
A industria manufactureira supón 11,9% do valor engadido bruto da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadores do sector industrial na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) elevouse 0,1% na Galiza en abril a respecto do mesmo mes do ano anterior, segundo os datos publicados polo INE esta terza feira. Galiza é, de feito, un dos dous territorios con aumentos, só por detrás de Canarias (2,4%). O País Valencià queda en 0% e resto de comunidades autónomas descenden, coa Rioxa (-11,5%), Aragón (-9,2%) e Estremadura (-8,6%) cos peores datos.

No que vai de ano, entre xaneiro e abril, o territorio galego rexistra o maior aumento acumulado da produción industrial (7,2%), moi por riba da media do Estado español (0,7%). A seguinte nesta estatística é Canarias (6,1%), mentres os peores datos compútanse en Murcia (-9,5%).

O IPI baixou por volta de 4% interanual o pasado mes de abril no Estado, unha taxa 9,4 puntos inferior á de marzo e o seu maior retroceso desde xaneiro de 2021, segundo informou o INE. Coa caída de abril, a produción industrial retorna a nivel estatal a taxas interanuais negativas despois de rexistrar en marzo un aumento de 5,4%.

A produción da industria de bens de consumo duradeiro foi a que máis baixou no cuarto mes do ano, cun descenso interanual de 9,9%. Séguenlles os bens intermedios (-6,5%); os bens de consumo non duradeiro (-4,6%); a enerxía (-2,1%), e os bens de equipo (-0,6%).

Por ramas de actividade, as que máis recortaron a súa produción en taxa interanual foron a industria da madeira e a cortiza (-23,9%); a industria do coiro e do calzado (-18,2%); a confección de pezas de vestir (-13,7%) e a industria do papel (-13,4%).

Entre os ascensos, os máis pronunciados anotáronos outras industrias extractivas (+41,8%); industrias extractivas (+39,4%) e a fabricación doutro material de transporte (+17%).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial baixou 0,9% en abril en comparación co mesmo mes de 2022, taxa 5 puntos inferior á de marzo. En termos mensuais —abril sobre marzo—, a produción industrial descendeu 1,8%, a súa maior caída mensual desde marzo de 2022, cando retrocedeu 2,7%.

Comentarios