Análise

A saúde do solo e a neutralidade climática

Rosa Mosquera é catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC.
Os sindicatos agrarios alertan sobre as consecuencias da carencia de precipitacións e do aumento das temperaturas sobre os pastos (Foto: Darío Peña).
photo_camera Os sindicatos agrarios alertan sobre as consecuencias da carencia de precipitacións e do aumento das temperaturas sobre os pastos (Foto: Darío Peña).

O cambio climático é consecuencia do emprego das enerxías non renovables, xeralmente derivadas do petróleo e que fomenta o transvase do carbono do subsolo a atmosfera. O emprego deste tipo de enerxías desenvolveuse notablemente no século pasado, afectando sobre todo os diferentes sectores produtivos como o enerxético, principalmente, asociado ao transporte, pero tamén a agricultura. A agricultura, que a comezos do século XIX empregaba a tracción animal como forma de labranza, fundamentábase no uso dos recursos locais como base de mellora da fertilidade do solo, garantindo a súa saúde.

O solo é un dos compoñentes principais dos sistemas agrarios e forestais, a súa saúde é fundamental para manter a produción e incluso incrementala co emprego das novas tecnoloxías, que nos axudan primeiro a interpretar o estado do solo e logo a realizar as correccións necesarias que impliquen unha boa saúde edáfica.

Pero, que é a saúde do solo? Aínda que non está oficialmente definida podemos interpretar que un solo san é un solo máis produtivo que outros baixo unhas condicións edafoclimáticas semellantes. Isto fai que nos preguntemos, que fai que un solo sexa produtivo?

A resposta vinculase ás múltiples funcións do solo como sostén físico dos cultivos, que é capaz de deixar penetrar a auga e que se desenvolvan as raíces, un sostén químico en canto almacén de nutrientes e un sostén biolóxico xa que os vermes, insectos e microorganismos como bacterias e fungos encárganse de incorporar os restos vexetais ao solo, renovándoo, para que poidan ser novamente consumidos polas plantas. Estes restos, de orixe orgánico (vexetal ou animal) son fundamentais para manter a saúde do solo, que unha vez descompostos e incorporados a este chamamos materia orgánica, que tamén inclúe a biomasa dos microorganismos.

Biodiversidade

O contido en materia orgánica é un indicador importante da saúde do solo pois os solos con máis materia orgánica son máis sans. Isto explícase porque a materia orgánica confire estrutura ao solo e soporte tanto para o almacenamento de auga como de nutrientes que poden empregar os cultivos. O número de sitios que ten un solo para almacenar os nutrientes denomínanse Capacidade de Intercambio Catiónica. Canto máis materia orgánica, máis capacidade de intercambio catiónica e polo tanto mais nutrientes almacenados no solo e maior dispoñibilidade para o cultivo. Esta materia orgánica está fundamentalmente constituída por carbono, elemento que fixan as plantas a través da fotosíntese e que se incorpora ao solo coa degradación de restos orgánicos. 

85% do carbono dos ecosistemas terrestres
está no solo

A materia orgánica é altamente relevante para a consecución da neutralidade climática. O 85% do carbono dos ecosistemas terrestres está no solo, e polo tanto a diminución do carbono no solo implica un incremento do carbono na atmosfera, o que favorece o aumento de temperaturas asociado ao cambio climático. Isto significa que se somos capaces de incrementar o contido de materia orgánica nun solo estaremos mellorando a súa saúde e mitigando o cambio climático porque estaremos pasando o carbono da atmosfera ao solo. Nisto baséase a iniciativa '4 por mil' que se aprobou en Francia na COP21, que nos indica que se aumentamos o contido en carbono nun 4 por mil ou nun 0.4 por cen, contrarrestariamos todas as emisións actuais de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Pero, como podemos incrementar ese contido de materia orgánica no solo? A resposta é sinxela, realizando prácticas que engadan materia orgánica, como son as prácticas agroecolóxicas que inclúen o emprego da biodiversidade ou a ausencia de labranza. Polo xeral, a produtividade dun solo increméntase cando se incrementa a biodiversidade. O emprego da biodiversidade en agricultura permite obter máis produción por menos. Débese esta maior produtividade ao feito de que os requirimentos nutricionais entre especies son diferentes e en moitos casos complementarios.

Se a biodiversidade incrementa a produtividade dunha zona, a cantidade de restos elévase, e polo tanto a materia orgánica, principal reservorio de carbono no solo. O emprego da biodiversidade é un dos fundamentos técnicos do movemento social da agroecoloxía, no que solucións baseadas na natureza e na biodiversidade son elementos críticos para mellorar a sustentabilidade dun territorio. Esta biodiversidade pode ser empregada a escala espacial (paisaxes en mosaico, combinación de cultivos nunha mesma parcela) ou a escala temporal (rotación de cultivos).
 

Comentarios