Só a metade dos fogares ten os salarios como fonte principal de ingresos

Seis de cada dez fogares contaba en 2021 con, cando menos, unha persoa asalariada.
Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)
photo_camera En 46% dos fogares o salario constitúe a fonte principal de ingresos, por riba de prestacións, traballo por conta propia e "outro tipo" de ingresos, segundo o IGE. (Foto: Riobó Prada)

Máis da metade dos fogares galegos (59,87%) tiña cando menos unha persoa asalariada en 2021, segundo os datos que ofrece o Estudo de salarios publicado esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). A actualización desta estatística permite debullar tamén a orixe das fontes de ingresos dos fogares do país.

Esta cifra supón unha mellora a respecto de 2020 de 0,8 puntos porcentuais, e habería que remontarse a 2008 para atopar un dato superior. Nese ano, cando estoupou a crise económica mundial, até 61,33% dos fogares galegos tiña un membro da unidade familiar, no mínimo, con emprego.

O IGE explica que a incidencia dos fogares con algún salario na Galiza diminuíu lentamente desde o 2007 até os anos 2013 e 2014, cando se situou por baixo de 55%. Nos seguintes cinco anos aumentou lixeiramente. Con todo, en 2020 rompeu a serie de crecemento e baixou, mais en 2021 recuperouse a suba, malia que sen conseguir aínda niveis precrise.

Por tipoloxía do fogar, os fogares compostos por unha parella con crianzas ao seu cargo son os que máis incidencia de persoas asalariadas teñen (87,49%). No outro extremo atópanse os fogares unipersoais, onde só 29,45% contan con persoas asalariadas.

Con base nestes datos, pódese concluír que ao longo das dúas últimas décadas apenas houbo variacións significativas no número de fogares de cada tipo con, cando menos, unha persoa asalariada.

Por outra parte, no ano 2021 até 46,7% dos fogares galegos tiña como fonte principal de ingresos os salarios, seguidos dos fogares que tiñan como fonte principal algunha prestación (43,12%). Pola súa parte, os fogares onde a fonte principal de ingresos era o traballo por conta propia non chegaban a 9%.

"Se nos restrinximos aos fogares con persoas asalariadas, no ano 2021 na Galiza o 78% destes fogares teñen como fonte principal de ingresos do fogar os salarios, e no 15,76% deles as prestacións constitúen a maior fonte de ingresos. Isto é, aínda que o fogar teña algunha persoa asalariada, o ingreso total por salarios é inferior ao ingreso total por prestacións", precisa o IGE.

Comentarios