Que parte do salario destinas á vivenda? Na Coruña 'come' até 29% dos ingresos

O esforzo económico das familias é maior xa no caso do alugueiro que no da compra en moitos municipios.
Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)
photo_camera Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)

O esforzo familiar para alugar supera xa o de comprar nalgunhas comarcas da Galiza, segundo un estudo que presenta esta quinta feira o portal inmobiliario Idealista. En concreto, a taxa de esforzo para comprar en localidades situadas nas circunscricións da Coruña e Lugo fica en 17%, de acordo co informe, mentres que a correspondente ao esforzo para alugar alcanza 18% en Lugo e 19% na Coruña. Nas de Ourense e Pontevedra, pola contra, o esforzo é maior para comprar que para alugar —21% fronte a 20% no primeiro caso e 25% fronte a 23% no segundo—.

No caso das capitais de provincia, todas elas presentan taxas de esforzo máis elevadas para comprar que para alugar. Así, na cidade da Coruña o esforzo de compra ascende a 29%, fronte ao 22% do alugueiro.

En Pontevedra, ambos os datos atópanse en 27% e 21%, respectivamente. Pola súa parte, Lugo rexistra unha taxa de esforzo de 20% para comprar e de 18% para alugar, mentres Ourense anota un 22% para a compra e 18% para o alugueiro.

No conxunto estatal, a porcentaxe dos ingresos do fogar necesario para afrontar o alugueiro ou a compra dunha vivenda de dúas habitacións aproxímase a 30%. O esforzo que deben realizar as familias que necesitan alugar unha vivenda é maior (29%) que no caso da compra (26%), aínda que neste caso é necesario achegar arredor de 20% do prezo da vivenda a modo de entrada para lograr unha hipoteca.

A taxa de esforzo mide o peso da vivenda sobre o poder adquisitivo do fogar. En particular, no caso do alugueiro, Idealista mide a taxa de esforzo como a cota anual de ingresos netos medios do fogar que se destina ao pagamento do alugueiro dunha vivenda tipo de dous dormitorios.

Da mesma maneira, no caso da compravenda, a taxa de esforzo calcúlase como a cota anual de ingresos netos do fogar que se destina ao pagamento dunha hipoteca 'típica', no sentido que vén estipulada con características medias en termos de duración e tipo de interese.

Debido aos recentes incrementos dos tipos de interese, o portal inmobiliario actualizou o cálculo tendo en conta o último dato publicado polo BCE. Os valores de alugueiro e venda veñen da fonte de datos Idealista, que dispón de prezos para cada cidade. E, finalmente, os datos da renda neta familiar proveñen do INE.

Na Galiza aproximadamente unha de cada dez vivendas rexistradas na Galiza están en réxime de alugueiro. Son, en concreto, 136.543 fogares, segundo a Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas, que o INE actualizou en febreiro cos datos máis recentes dispoñíbeis, correspondentes á anualidade de 2021. As casas e pisos alugados representan 12,4% do total do país (1.100.477).

Comentarios